As mulleres dominan os premios Fin de Carreira

Case un 70% de mulleres acapararon os premios. Educación porá en marcha este ano un programa de incorporación ás universidades de investigadores postdoctorales.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/03/2019 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

Un total de 68 universitarios das tres universidades galegas recibiron este venres o premio Fin de Carreira correspondente á promoción que terminou os seus estudos superiores durante o pasado 2017, dos cales 46 foron mulleres e 22 homes, polo que recibirán 3.000 euros polo seu extraordinario expediente.

Universitarias galardoadas co premio Fin de Carreira
Universitarias galardoadas co premio Fin de Carreira | Fonte: EP

Así o explicou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, quen participou no evento e destacou que "é un orgullo" para a Xunta que case o 70% dos galardoados sexan mulleres.

"Cabe destacar que o mellor expediente é unha muller, polo que dalgunha maneira rompe un pouco esa fendaa de xénero. Ademais, é unha estudante dunha carreira científica", indicou Pomar en relación a Erika Díaz Pita, titulada en Matemáticas pola USC.

Segundo o Executivo galego, estes galardóns teñen a finalidade de recoñecer "o traballo, o esforzo e a excelencia" das mellores traxectorias académicas dos estudantes das universidades galegas.

Por centros, un total de 30 galardoados estudaron na Universidade de Santiago de Compostela, mentres que 27 deles, na Universidade de Vigo. Pola súa banda, na Universidade da Coruña realizaron os seus estudos 11 dos premiados. No referido ás titulacións que tiveron máis dun estudante galardoado atópanse, con tres premios, Enfermaría, Medicina, Dereito, Educación Infantil e Educación Primaria.

"ORGULLO"

Pola súa banda, Erika Díaz Pita falou en nome de todos os galardoados e sinalou que é "un orgullo" que por segundo ano consecutivo sexa unha muller quen obtivese o mellor expediente de toda Galicia, pero mostrou o seu "sentimento de dúbida", xa que "por unhas décimas" foi ela e non outra persoa.

Así mesmo, deu as grazas en nome dos premiados á Xunta polo recoñecemento e asegurou que deixaría a carreira o primeiro ano "se non estivese tan ben rodeada polos seus compañeiros". "Este galardón merecíano igual que eu moitos compañeiros cos que compartín clases, exames, traballos e horas e horas de cafetaría", sentenciou Díaz.

Ademais, o reitor da USC, Antonio López, destacou a importancia de seguir formándose ao longo de toda a vida e subliñou que as universidades galegas "sempre estarán aí para ofrecer unha formación continua".

"MERECIDO PREMIO"

Así, Carmen Pomar celebrou o traballo realizado por todos os galardoados presentes no acto e sinalou que se trata dun "merecido premio". "Nunca dubidedes de ser merecedores destes premios e sobre todo as mulleres, que temos tendencia a esa dúbida existencial", asegurou a conselleira, en relación ás palabras de Díaz Pita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta