Pablo Casado di que o PP "garantirá a blindaxe fiscal do aforro" para a xubilación

Casado acusou ao Goberno de Pedro Sánchez de "instrumentalizar unha vez máis institucións" para prometer "cousas que non vai poder aprobar, que non vai poder pór en práctica nin pagar".

Por Europa Press / Redacción | Cobas (Ferrol) | 02/03/2019 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

O presidente do PP, Pablo Casado, asegurou que a súa formación levará no programa electoral para as eleccións xerais do próximo 28 de abril unha medida que "garantirá a blindaxe fiscal do aforro" para a xubilación.

"Se un cidadán decide comprar unha vivenda habitual, ter un plan de aforro ou de pensións, ademais de ter os beneficios fiscais que lle corresponda, garantiráselles que, á hora de acceder a este aforro do que dispoñan no momento da súa xubilación, non teñan un gravame fiscal", manifestou.

Pablo Casado clausurou este sábado en Ferrol un acto sobre benestar social organizado polos populares galegos, no que asegurou que o PP "defende os pensionistas, os actuais, pero tamén os futuros". No acto, o líder do Partido Popular estivo acompañado, entre outros, polo presente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, así como polo candidato á Alcaldía da cidade, José Manuel Rei Varela.

INSTRUMENTALIZAR AS INSTITUCIÓNS

Casado tamén utilizou este foro para acusar o Goberno que preside o socialista Pedro Sánchez de "instrumentalizar unha vez máis institucións" para prometer "cousas que non vai poder aprobar, que non vai poder pór en práctica nin pagar". "É dicir, pedir a rolda para que a pague quen veña, que non van ser eles, e o máis perigoso, normalizar ou lexitimar, que as campañas electorais dos partidos se poidan facer á conta do diñeiro dos contribuíntes", censurou.

Ante un foro onde estiveron unhas 400 persoas, o dirixente do PP aproveitou para criticar a utilización dos reais decretos para gobernar. Por iso, avanzou que, cando el sexa presidente do Goberno, lanzará unha lei para que non se poida utilizar o mecanismo dos reais decretos para facer campaña gastando o diñeiro do contribuínte". "Ata entón, o que temos que facer é denunicalo", manifestou. Todo iso nunha intervención na que tamén mostrou o seu rexeitado a "instrumentalización" do Centro de Investigacións Sociológicas (CIS) e á "manipulación" de RTVE.

Na súa visita a Ferrol, Casado destacou que "o PP é un partido que di os mesmo en todos os lados, en Vigo e en Tarifa, en Cáceres e en Alacante", indicou. "É un partido cohesionado, que aposta pola descentralización orgánica, porque temos presidentes locais, autonómicos e ata no último pobo de España que saben perfectamente que demandas teñen que resolver e atender dos seus veciños", sinalou.

APOIO AO SECTOR NAVAL

Ademais, con motivo da súa visita a unha cidade na que o sector naval é a principal actividade, apostou por conseguir carga de traballo para os seus estaleiros. "Ferrol ten que ter unha carga operativa nos seus estaleiros, pero non só por esta cidade, algo que é bo para os españois, coas nosas capacidades no deseño naval a nivel mundial, coa tecnoloxía punta, é fundamental que o Goberno de España saiba que é fundamental que temos que apostar por elas", apuntou.

Por iso, deixou claro o seu "compromiso" de que "se cumpran os pedidos de fragatas da serie F-110" e apostou por que "a reconvención dos estaleiros sexan unha realidade" para que Ferrol dispoña de "estaleiros 4.0".

Acto de clausura da convención de Benestar Social do PP en Ferrol (Galicia). Mero Barral - Europa Press
Acto de clausura da convención de Benestar Social do PP en Ferrol (Galicia). Mero Barral - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta