Unha muller ferida en Navia de Suarna por unha caída logo de incendiarse un galpón con animais na súa casa

Segundo o 112 Galicia, "todo parece indicar que un forno de facer pan que había no interior do galpón, que previamente utilizaran os donos, puido ser a orixe do lume".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2019 | Actualizada ás 10:36

Comparte esta noticia

Unha muller resultou ferida a madrugada deste domingo tras sufrir un golpe despois de incendiarse unha corte con animais situada no baixo da súa vivenda, no lugar de Penamil, no municipio lugués de Navia de Suarna (Lugo). Tal como informou o 112 Galicia, os servizos de emerxencia tiveron constancia do sucedido ao redor das 00,00 horas deste domingo, cando os propios donos da casa alertaron de que estaba a arder o galpón con animais que tiñan baixo a súa casa.

Así, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias púxose en contacto cos Bombeiros de Sarria, co GES de Becerreá e coa Garda Civil. Ademais, estes últimos solicitaron asistencia sanitaria para a muller, que levara un golpe tras a caída dunha viga. Aínda se descoñecen as causas do incendio, pero, segundo o 112 Galicia, "todo parece indicar que un forno de facer pan que había no interior do galpón, que previamente utilizaran os donos, puido ser a orixe do lume".

Os membros do GES de Becerreá deron por finalizadas as tarefas de extinción ao redor das 03,00 horas, e confirmaron a morte de tres porcos, dous tenreiros e as galiñas que había no lugar. Así mesmo, o teito tamén se viu afectado, o que "probablemente" causou a caída da muller, que foi trasladada polos servizos de emerxencia ao Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta