Os sindicatos cargan contra o plan de Atención Primaria da Xunta: "é baleiro e electoralista"

Os axentes sociais din que non aporta nada e piden unha nova mesa de negociación con todos os sectores e cun orzamento sobre a mesa.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O documento presentando pola Consellería de Sanidade para a reorganización da Atención Primaria en Galicia, non ten contentos aos diferentes sectores afectados por este conxunto de medidas. As primeiras diverxencias proviñan do sector médico. Logo apareceron as demandas do sector sindical, pois os axentes laborais non foran chamados á mesa para redactar a proposta. 

Manifestación Vigo pola atención primaria
Manifestación Vigo pola atención primaria

Por iso as organizacións laborais e sindicais apuntan a falta de “apertura” por parte da Consellería na convocatoria da mesa redactora do documento. “Non se convocou a ningún sindicato, a Consellería só convocou a profesionais designados a dedo” din desde a CIG.  Punto que comparten outras forzas sindicais e asociacións profesionais.

“Hai medidas do documento que xa están implantadas, así que é posible que o conselleiro non teña moita idea do que acontece nos centros de saúde” di Javier Martínez de UGT. “A realidade dos médicos e centros de atención primaria sobrepásao (ao conselleiro)”. A valoración que fai Martínez sobre o documento directamente é que “é papel mollado con frases inintelixibles e con obxectivos a curto, medio e longo prazo que non explica como se poden acadar”.

Emilia Lamas de CC OO apunta argumentos semellantes ás demais forzas sindicais porque é “un documento pouco conciso, pouco ambicioso e pouco claro”. Mais o rexeitamento de CC OO tamén vén da cuestión “moitas das leis que recolle xa están redactadas, só habería que aplicalas sen necesidade de redactalas de novo pois están recollidas noutros documentos”. “Nin siquera as persoas que redactaron o documento están contentos con el, foron profesionais elixidos a dedo e aínda así, non tiveron o resultado que querían”.

Sanidade estaría tamén interferindo en competencias que non son súas como “o relativo cos postos de traballo e co día a día do labor dos profesionais, son competencias da mesa sectorial de Sanidade e que a consellería non pode variar, como cambiar estruturas, varemos ou provisións” din desde UGT. A cuestión laboral está evidentemente relacionada coas forzas representativas sindicais, por iso desde as organizacións de traballadores non entenden como non se contou con elas para a mesa de traballo.

“Os sindicatos non fomos convidados á mesa de traballo, a pesar de haber unha parte relativa ás condicións laborais que deberan ser negociadas nunha mesa sectorial” di María Xosé Abuín. “Tampouco sabemos como se fixeron as cousas e non coñecemos os criterios para seleccionar as persoas participantes na mesa de redacción do documento”. “Eles (Sanidade) querían un documento que seguise a súa liña, e houbo persoas ás que chamaron para elaborar o documento pero dixeron non porque non seguían a súa liña”.

“Tampouco recolle por exemplo, a figura dos pediatras en atención primaria, non os pode excluir fóra da Atención primaria” di Emilia Lamas “ e á parte, a falta de ambición do documento está en que non aumenta a partida orzamentaria, nós pedimos pasar do actual 10% ao 25% para a atención primaria e logo, o conflito dos PAC, só lle adica unhas poucas liñas”.

NEGOCIO

A pregunta de por que a atención primaria está tendo dificultades, a resposta é “un asunto económico, canto peor funcione a atención primaria mellor funciona a sanidade privada, cantas máis listaxes de espera hai na atención primaria, mellor lle vai á sanidade privada”. “O que non se pode facer é crear un plano como este sen medidas e sen un compromiso económico claro” J. Martínez, “non podes falar de saturación de atención primaria e de urxencias médicas dicindo que o xefe de servizo que vai facer o xerente de área sanitaria, con todo o traballo que implica ese traballo”.

O caso é que cortar de súpeto a billa de cartos públicos cara a sanidade concertada non implicaría ningún aspecto negativo para a sanidade pública. “O que si, habería que dotar de maneira axeitada os servizos, porque renovar o 10% dos ordenadores non é mellorar a sanidade pública pero atender as persoas que están nos centros de saúde é atender a sanidade pública”, Martínez.

A maquinaria que hai que repoñer na sanidade é o persoal. “Mais cando se di de “desburocratizar a sanidade” entón é para dicirlle ao conselleiro que fixeches todos estes anos?”. Dita desburocratización faríase “desburocratizando á conta do persoal de enfermería, iso non é unha medida efectiva, son parches”.

“A atención primaria non é só enfermería e persoal médico, tamén temos que falar de psicólogos clínicos, fisioterapeutas e doutros colectivos que non veñen no documento” di Emilia Lamas. “Ademais, o papel que recolle sobre a enfermería é un papel anacrónico supeditado a un xefe de servizo, por que non pode haber unha dirección ou subdirección de enfermaría para atención primaria?” remata Lamas de CC OO.

As fontes consultadas por Galicia Confidencial teñen a sensación que Almuíña entende Galicia como centros de saúde urbáns, sen ter en conta a dispersión no rural, con centros de saúde pequenos “e que hai que ter en conta as persoas que viven neses lugares, senón terían distancias a 200 km”. “Se a atención primaria non é accesible hai un problema, se non hai xente abondo para atender a atención primaria as persoas ván ás urxencias por iso desbordan”.

Outro punto preocupante é que se contemple a posibilidade de crear receitas desde a atención privada, iso con acceso aos historiais da sanidade pública. “Se permites ter acceso á receita electrónica, poden ir derivados polo SERGAS a unha consulta privada ou poden ir pola súa conta, e así xa lle fan o servizo completo a conta dos que pagamos a sanidade pública”.

Xunto a isto, existen propostas dentro do novo plano de que sexa o persoal de enfermería quen decida no proceso de triaxe (primeiras avaliacións antes de ser derivado a unha área dentro das urxencias). “Se alguén en enfermería se equivoca, toda a culpa vai para a enfermería” din fontes sindicais. “Este documento seguramente estea feito por persoal médico ou que non pasa diariamente polos centros de saúde, pode ser persoal burocrático”.

ELECTORALISMO

A pregunta era, todo este movemento por parte da Consellería de Sanidade para elaborar este documento, non respoderá a unha manobra electoralista? “Totalmente, aquí estouparon uns problemas que se viñan xestando na sanidade pública, a realidade era que a cousa estaba mal, que estabamos en crise e non se podía facer máis” di Javier Martínez, “logo por outra banda dicían que eramos a comunidade que cumpría cos deberes, a que máis medraba pero finalmente non había nada”. “O SERGAS está botando balóns fóra para que a cousa politicamente non lles afecte”.

“O documento é máis propagandístico que realista e estase a ver como o rexeitan todas as asociacións profesionais”. Afirma María Xosé Abuín, que insiste “é un documento precipitado, non dá resposta, ademais de mostrar que foi redactado cunha compoñente electoralista e outra para saíren do paso das críticias e feitos concretos da atención primaria e buscaba silenciar as protestas, e polo de agora non conseguiu ningunha desas propostas”.

“Pedimos un documento elaborado  pola comunidade médica e os axentes sociais, cun orzamento sobre a mesa e falar serio” sinala Emilia Lamas. “Este é un documento para lavar a cara” remata Lamas.

A cuestión en definitiva é que o documento para unha reestruturación da Atención Primaria tampouco conta co apoio dos axentes sociais. É un documento considerado oportunista, electoralista e unicamente para saír do paso, unha maneira de protexerse dunha situación que lle escapou das mans á Xunta de Galicia. Os cálculos dalgunhas das fontes consultadas é que a medio prazo pode haber cambios no organigrama da Consellería de Sanidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta