A veciñanza de Narón marabilla a medio mundo cos case 50.000 quilos de peso perdidos nun ano

No programa '100.000 motivos de peso' participan xa 7.200 persoas. O grupo no que ten máis impacto é o das persoas de maior idade.

Por Galicia Confidencial | Narón | 04/03/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Case 50.000 quilos menos nun ano. Ese foi o resultado da exitosa e pioneira dieta colectiva que puxo en marcha o Concello de Narón e que marabillou a medio mundo polo novidoso da proposta. A obesidade en Galicia afecta ao 19,18 por cento da poboación, fronte ao 17,03 por cento da media española, segundo o Instituto Galego de Estatística. 

Hai un ano, subidos nunha báscula, Marián Ferreira xunto cos seus concelleiros fixeron un chamamento aos veciños para que se unisen ao programa. A suma total foi de 1.174,5 quilos
Hai un ano, subidos nunha báscula, Marián Ferreira xunto cos seus concelleiros fixeron un chamamento aos veciños para que se unisen ao programa. A suma total foi de 1.174,5 quilos | Fonte: Concello de Narón

A idea naceu en 2018, cando as autoridades sanitarias desta localidade decubriron que aos seus case 40.000 habitantes sobrábanlles 100.000 quilos e que podían axudarlles a perdelos con alimentación sa, exercicio e seguimento médico trimestral. E non foron poucos os que se apuntaron ao programa.

Carlos Piñeiro, médico responsable do proxecto '100.000 motivos de peso', aseguraba hai uns días a Euronews que cumpriron a metade dos obxectivos e agora están a buscar ampliar o número de participantes máis aló dos 7.200 oficialmente inscritos. Mentres que os veciños poden unirse nos 14 centros sociais da localidade, os restaurantes ofrecen menús máis lixeiros e os colexios ensinan aos nenos como educar ás súas familias en hábitos saudables.

Piñeiro destacaba unha anécdota que revela o nivel de implantación do programa entre os máis pequenos cando un grupo de avós preguntoulle que estaban a facer nos colexios porque os seus netos negábanse a comer patacas fritas. 

Un dos grupos nos que tivo máis impacto o programa é o das persoas de maior idade, composto por 276 participantes, nos que se reduciu nun 48% os ingresos hospitalarios. Piñeiro explica que este grupo de seguimento segue un plan con actividades como baile e ximnasia terapéutica, natación cada dous días e 8 quilómetros de camiñada diaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta