A Xunta destaca o pacto de alcaldes como a "ferramenta máis útil" contra o cambio climático

O alcalde de Ourense sinala o proxecto de ecobarrio da Ponte e o de economía circular da EDAR como iniciativas respectuosas

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, María Cruz Ferreira Costa, asegurou que o Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía -asinado por 7.755 administracións de 53 países e coordinado en Galicia pola Xunta- é a "ferramenta máis útil" contra o cambio climático.

Pacto alcaldes polo clima Ourense
Pacto alcaldes polo clima Ourense | Fonte: Europa Press

"É a ferramenta máis útil que fixo a Unión Europea para implementar as medidas de eficiencia enerxética, aforro enerxético e loita contra o cambio climático, desde a adaptación á mitigación", concretou minutos antes de iniciar no centro La Molinera unha xornada con rexedores da provincia para informar deste pacto e resolver dúbidas.

Neste sentido, a responsable de Calidade Ambiental e Cambio Climático do Goberno galego sinalou que a Xunta de Galicia pon en marcha este tipo de encontros cos alcaldes dos diferentes municipios "para tenderlles a man" á hora de realizar un plan de eficiencia enerxética, xa que "non é fácil".

Á súa vez, engadiu que a xornada deste luns celebrada en Ourense, na que participaron, ademais da directora xeral, o representante da oficina técnica do Pacto de Alcaldes, Julio Sánchez, e o rexedor local, Jesús Vázquez Abad, axudará a "establecer follas de ruta" que permitirán aos concellos representados "librar das medidas de mitigación máis perentorias" que se poidan rexistrar nun futuro.

ECOBARRIO E ECONOMÍA CIRCULAR

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, que presentou o encontro do Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía, destacou a importancia dos rexedores como "actores" e "promotores" de accións que, "en certa medida, van definir o futuro" dos cidadáns, tamén en materia ambiental.

Nesta mesma liña, puxo en valor a necesidade de tomar "decisións" que "son moi importantes" e determinantes" e deben ser "comprometidas co desenvolvemento social e o crecemento sustentable, tratando de aproveitar" os "propios recursos" e "utilizando recursos limpos e favorables".

Neste sentido, Vázquez Abad concretou iniciativas promovidas en Ourense, como o proxecto pioneiro de ecobarrio na Ponte, cimentado no aproveitamento da enerxía xeotérmica e "chamado a ser un modelo enerxético para o futuro", ou o proxecto de economía circular que se desenvolve na estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Reza.

"As liñas divisorias entre as políticas económicas e sociais non o deben ser tanto, debemos perseguir como alcaldes as utopías e aspirar aos mellores escenarios posibles", concluíu o alcalde de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta