A Deputación de Pontevedra insta a Xunta a recuperar o Pazo de Lourizán

PSOE e BNG culpan o Goberno galego do abandono que sofre este emblemático edificio, mentres que o Partido Popular sinala a administración provincial como a "única responsable" do estado do inmoble.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra insta á Xunta de Galicia a recuperar o Pazo de Lourizán. Así se decidiu este luns no pleno provincial que, cos votos do Partido Socialista e o BNG, aprobou unha moción na que culpan ao Goberno galego do abandono que sofre este emblemático edificio, mentres que o Partido Popular sinalou á administración provincial como a "única responsable" do estado do inmoble.

Pazo de Lourizán / De juantiagues -  CC BY-SA 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=41952526
Pazo de Lourizán / De juantiagues - CC BY-SA 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=41952526

A moción, defendida polo socialista Carlos López Font, reclama ao Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo que "de forma inmediata" cumpra co convenio en vigor que lle obriga á conservación do pazo.

A iniciativa inclúe a advertencia ao Goberno galego de que, se non actúa, a Deputación se reserva a posibilidade de acudir ás vías legais para reclamar que a Xunta cumpra a lei de patrimonio.

A día de hoxe este histórico edificio presenta "problemas de estabilidade estrutural, que non está nin moito menos garantida" e ademais "a cuberta está en rega de afundirse".

López Font indicou que "a Xunta debe asumir as obras de conservación respectando o conxunto arquitectónico" e lamentou que a Deputación leva "soportando a inacción" e a "falta de resposta" da administración autonómica "durante moitos anos".

Como exemplo, criticou que a Xunta optou "por non pagar" e "nin pagou os recibos do IBI, nin as taxas de recollida do lixo". A Deputación estima que o importe da rehabilitación do Pazo alcanzaría os 14,2 millóns de euros.

PROPIETARIO

Pola súa banda, o portavoz do grupo provincial do Partido Popular Ángel Moldes, lembrou que "o propietario do pazo é a Deputación" e insistiu en que "cando lles ofreceron un investimento importante no pazo rexeitárona sen ningún tipo de pudor".

O vicepresidente Alfonso Rueda foi quen propuxo rehabilitar o Pazo de Lourizán da man da empresa Ence, ao consideralo unha boa formulación para a administración pública desde o punto de vista económico, técnico e en canto á axilización de prazos.

A empresa pasteira financiaría gran parte dos traballos de recuperación, destinando 5 millóns de euros para a rehabilitación e 5 máis para un centro de investigación, sen que se perdese a titularidade do inmoble.

Moldes mostrouse de acordo en que o Pazo de Lourizán "necesita unha actuación urxente inmediata" xa que "non se pode perder ese patrimonio", pero entende que os dirixentes da Deputación "son os únicos culpables de que non se interveu" pola "obsesión que algún grupo ten con algunhas empresas desta cidade".

"DEFENSA DE ENCE"

Finalmente, o portavoz do BNG e vicepresidente da Deputación, César Mosquera, reprochou aos populares a súa "defensa numantina de Ence" e criticou que, de acordo coa súa proposta, "hai que regalarlle o pazo a Ence, igual que tamén se lle regalan os terreos que ocupa".

Mosquera lembrou aos deputados do PP que o seu partido tamén reclamou á Xunta a rehabilitación do Pazo de Lourizán cando gobernaba o bipartito e dixo que agora "tratan de encubrir a responsabilidade que teñen". "Aquí viñeron a lavarlle a cara á Xunta", concluíu o nacionalista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta