A invisibilidade da mocidade galega emigrada

Os movementos de emigración por parte de xente nova en Galicia aumentaron desde o inicio da crise económica. Pero sabemos canta xente marchou? Sabemos as condicións de traballo que teñen fóra de aquí? Curiosamente, os datos que se barallan son só estimativos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As cifras sobre persoas novas que deixaron Galicia por motivos laborais non aparecen reflectidas en toda a súa dimesión. Ou iso é o que din fontes consultadas por Galicia Confidencial para facer este traballo. Existen datos do Instituto Galego de Estatística, no Instituto Nacional de Estatística e algunhas entidades como os sindicatos, fan cálculos estimativos sobre canta xente nova ten emigrado nos últimos dez anos.

Mapa sobre índice de desemprego entre a xente nova na UE
Mapa sobre índice de desemprego entre a xente nova na UE | Fonte: mapmania.org

As escasas ou nulas posibilidades do mercado laboral interno en Galicia, non ofrecían expectativas suficientes ou dignas a unha poboación cada vez máis e mellor formada pero con escasas oportunidades de desenvolver as súas capacidades dentro de Galicia. Axudas, incentivos, bolsas e contratacións en precario ou simplemente traballo “en negro” eran e son moitas das vías de saída para a xente máis nova no país.

MOVEMENTOS DE XENTE NOVA

As cifras de persoas que saíron de Galicia cara a Unión Europea non son exactas. “É un número estimativo, porque a xente nova que marcha cara países da UE non se dá de baixa no padrón aquí” di Natividad López, economista da CIG. “Se se deran de baixa perderían por exemplo a tarxeta sanitaria, non obstante, se te moves para outra parte do Estado automaticamente, se necesitas empadroarte dante de baixa aquí”.

Hai un ano estimábase que uns 100.000 mozos e mozas puideran ter deixado Galicia, aínda que non había nin hai datos aínda que podan confirmar este número. As estatísticas de emprego pola súa banda, apuntan que a día de hoxe o número de persoas entre os 20 e 35 anos sen emprego foi diminuindo na serie de cuadrimestres entre o último de 2015 e o último de 2018.

Xente nova
Xente nova | Fonte: arquivo Galicia Confidencial

A dificultade para determinar o número exacto de persoas novas emigradas, non permite crear un perfil de persoa emigrada, que busca fóra, cal é o perfil profesional máis demandado fóra ou que máis emigra. Mais unha cousa aceptada é que “hai persoas que aceptan traballos que aquí dentro non os aceptarían, xente con titulación é a que máis sae ao estranxeiro e o feito de teren emigrado tampouco significa que a súa situación teña mellorado”.  “A Xunta non ten moito interese en coñecer esta situación, porque eu entendo que debe ter máis coñecemento do que di” sinala Natividad López, “son datos que non se fan  públicos pois porque en parte sería recoñecer que ti non es capaz de crear oportunidades”.

DATOS

A mocidade galega está entre as máis afectadas polo desemprego dentro da Unión Europea. Segundo algunhas fontes independentes, Galicia tería unha taxa de desemprego entre a mocidade máis alta que Portugal. Sumámoslle a isto os datos do “Informe: Galicia perspectivas demográficas” do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, onde, na súa páxina 168 se pode ver que a xente entre os 16 e 64 anos sono 35% do total de galegos e galegas emigrados.  Datos máis concretos ofréceos o Instituto Nacional de Estadística, INE.

O número de persoas de entre 18 e 40 anos que tivesen emigrado nos últimos anos, rexistrar os seus movementos “é moi difícil porque non hai estatísticas de emigración claras que permitan medir por idades, pero hai achegas que explican un cambio de tendencia para poder explicar por onde van as tendencias” di María Xosé Rodríguez Galdo, do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica. “Nós podemos ver que desde finais dos 80 en Galicia morre máis xente que nace, se se mira o número de poboación apenas variou, porque unha característica estrutural como foi a emigración sofre un cambio de signo” di Rodríguez Galdo, o que quere dicir que o peso da emigración xa non marca fondamente o descenso de poboación.

Ese fenómeno permítenos observar como cambiou a sociedade e serían datos máis xerais que concretos os que nos indican aquilo que está acontecendo” segundo Galdo. “Agora hai saídas por unha banda de xente sen unha elevada cualificación, só con estudos obrigatorios, pero si que está saíndo xente moi formada e iso é un elemento novo”.

Rodriguez Galdo engade tamén que “cando falamos de saídas referímonos tanto a emigrantes que saen por cuestións económicas e tamén a persoas que saen fóra por cuestións de formación”. Ambas as dúas variables “son difíciles de distinguir e concretar”. O problema apunta tamén é “que non teñamos a capacidade de retelos para que traballen aquí”.

“No documento que elaboramos sobre as perspectivas demográficas de Galicia, falamos do desemprego entre a mocidade e que non é exclusivo de Galicia, todo iso ten relación coa actividade económica, e se tomamos Galicia, Asturias e Castilla y León, vemos que a actividade económica favorece esa situación (de desemprego entre a xente nova)”.

Sobre o aumento de saídas de xente nova con estudos superiores Rodríguez Galdo di que “si, mais sucede que non podemos concretar cal é o número exacto de persoas que saíron, pero hai coñecementos abondo para saber que existen movementos cara o exterior, pero insisto, o que non podemos distinguir é se é por motivos de estudos ou laborais”.

O dato final é que non hai datos exactos que brinden a oportunidade de coñecer con exactitude quen, como e por que marchan de Galicia. Unhas fontes apuntan á falta de vontade, outras ás dificultades de desenvolver o traballo de investigación sobre este punto. O caso é que se descoñece o número de persoas novas emigradas e polo de agora vai seguir sendo así.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta