Catro meses de cárcere e 480 euros de multa para dous estudantes que piratearon contas de profesores na Estrada

Foron condenados por delito de interceptación ilegal de datos informáticos, en concurso cos delitos de descubrimento e revelación de segredos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2019 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Os dous mozos que aínda permanecían investigados polo pirateo de contas de profesores dun instituto da Estrada (Pontevedra) foron condenados a unha multa de 480 euros, así como a catro meses de prisión, aínda que esta pena suspéndese por carecer de antecedentes os alumnos e ser inferior a dous anos.

Pirata informático
Pirata informático | Fonte: David Whelan.

Tras comparecer este martes ante o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 da Estrada ditouse sentenza de conformidade, na cal, ademais das penas anteriores, condénase a estes mozos a unha accesoria de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo por catro meses.

Os mozos son condenados por delito de interceptación ilegal de datos informáticos, en concurso cos delitos de descubrimento e revelación de segredos, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Pola súa banda, o xulgado da Estrada decretara o sobresemento provisional e arquivo da causa respecto de seis alumnos do Instituto Manuel García Barros investigados tamén polo pirateo de contas de profesores.

No seu caso, a xuíza considerou que as dilixencias practicadas "non evidencian que os investigados instalasen o sistema sotfware nin que efectuasen entradas non consentidas nas contas de correo para a obtención de datos e a súa divulgación".

Nesta causa, que continuou para os dous alumnos que recoñeceron os feitos, investigouse a instalación nos equipos informáticos, en marzo de 2017, dun software que daba acceso aos contrasinais dos correos electrónicos e demais servizos tecleados nos computadores dos profesores.

Un dos dous recoñeceu que non instalou o programa, pero coñecía que o mesmo se atopaba no equipo e admite que "efectuou unicamente dúas entradas para ver se funcionaba e para ver as notas dunha materia, pero non accedeu a datos da vida privada de ningún profesor nin divulgou ningún dato dos obtidos", recóllese no auto xudicial.

Mentres, o outro mozo afirmou que "coñecía a instalación do sistema software, pero que non participou na súa instalación" e admitiu que "accedeu a varias contas de profesores por curiosidade, pero que non divulgou datos de carácter persoal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta