Os asuntos pendentes nos xulgados galegos aumentaron un 21,3% ao peche de 2018

Ao longo do ano resolvéronse 271.176 asuntos, un 13,7% menos que o exercicio anterior

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/03/2019 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

Os asuntos pendentes nos xulgados e tribunais galegos a fins do 2018 aumentaron un 21,3% con respecto dos rexistrados ao final do exercicio anterior, ata os 154.979.

Así o reflicte o informe 'Situación dos Órganos Xudiciais no ano 2018', feito público este mércores pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial e que mostra, entre outras cuestións, os efectos dos 114 días de folga da xustiza vividos en Galicia o pasado ano.

Neste sentido, segundo datos do CGPJ, os xulgados e tribunais galegos resolveron o pasado ano 271.176 asuntos, un 13,7% menos que o ano anterior e 1.039 de media por cada órgano xudicial. Ao final do período, quedaron en trámite 154.979 asuntos, un 21,3% máis que na mesma data do ano anterior, cando foron 127.810.

Nese ano, os órganos xudiciais galegos ingresaron 302.278 novos asuntos, fronte aos 219.765 de 2017, o que supón unha diminución do 5,5%. A entrada de asuntos descendeu en todas as xurisdicións, excepto na contencioso-administrativa. No conxunto do Estado, o número de asuntos ingresados creceu un 2%.

DATOS POR XURISDICIÓNS

Na xurisdición civil, o número de asuntos ingresados en Galicia en 2018 foi de 121.123, o que supón un descenso do 0,5% con respecto do exercicio anterior. Durante o pasado ano resolvéronse 101.251 asuntos, quedando en trámite ao final do período 79.188, un 28,7% máis.

Pola súa banda, na xurisdición penal entraron 141.757 asuntos, un 10,3% menos; e resolvéronse 134.189, quedando pendentes¡ uns 43.036, un 16,8% máis.

Na xurisdición contencioso-administrativa ingresáronse 9.179 asuntos, un incremento do 4,1% en termos interanuais. En 2018 resolvéronse 7.832 casos (un 18,2% menos) e quedaron en trámite 7.364 (un 27,6% máis).

Por último, a xurisdición social experimentou un descenso do 3,3% na entrada de procedementos, ata os 30.219. Estes órganos resolveron 27.904 asuntos e deixaron pendentes 25.391, un 7,4% máis que en ano anterior.

En 2018, a taxa de litixiosidade en Galicia situouse en 11,0 asuntos por cada 1.000 habitantes, por baixo da media estatal, que foi de 128,2 asuntos por cada 1.000 habitantes. En civil, penal e contencioso-administrativo, a taxa situouse por baixo da media, pero foi máis elevada na xurisdición social (11,2 asuntos fronte a 8,7 de media estatal).

Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta