Almuiña tenta atraer ao sector médico prometéndolles "poder decisorio" na Atención Primaria

Di que realizarán a "priorización" de obras, mobiliarios e demais equipamento que necesita cada centro

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2019 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que os xefes de servizo de Atención Primaria en cada centro de saúde terán "un papel importante" para solicitar as melloras dos ambulatorios que partirán do plan presentado esta semana e dotado con 17 millóns de euros. Así, serán estes profesionais os que realizarán a "priorización" de obras, mobiliarios e demais equipamento que necesita cada centro.

Así o adiantou Vázquez Almuiña nunha comparecencia posterior a unha reunión mantida co conselleiro de Saúde do País Vasco, Jon Darpón, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Segundo explicou o conselleiro, un tema "fundamental" da visita do mandatario vasco foi a "posta en común" dos modelos de Atención Primaria de ambas as comunidades.

Preguntado polos xornalistas sobre o plan de mellora presentado esta semana, Vázquez Almuiña defendeu que os 17,3 millóns de euros dos que estará dotado durante 2019 e 2020 é "bastante", xa que "triplica" as contías dos "últimos anos". Ademais, insistiu en que o plan é "único e exclusivo" para a Atención Primaria e que estará destinado "fundamentalmente" para equipamento, inmobiliario e informática.

Así mesmo, o titular de Sanidade precisou que os xefes de servizo de Atención Primaria de cada ambulatorio terán un "poder importante non só nas decisións asistenciais do día a día" do centro, senón tamén un poder "decisorio" para solicitar as melloras que atendan ás necesidades das instalacións nas que operan. A continuación, estas demandas serán trasladadas á Xerencia da área sanitaria, tal e como indicou Vázquez Almuiña.

"A idea é que en dous anos nos poñamos ao mesmo nivel nos distintos centros de saúde da Comunidade", valorou, destacando ademais que nos 17,3 millóns de euros dos que disporá o plan "non inclúe o investimento en novos centros de saúde" que xa se atopa en execución por parte da Xunta. "O investimento, por tanto, é maior do que estamos a falar", sostivo.

Almuiña destaca a 'importancia' que terán os xefes de Primaria para 'prioriz. XUNTA
Almuiña destaca a 'importancia' que terán os xefes de Primaria para 'prioriz. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta