O BNG de Santiago anuncia o seu rexeitamento á proposta sobre contratos menores do PP para o pleno este xoves

A portavoz do BNG Goretti Sanmartín, considerou que o PP "non é quen nin de dar leccións de transparencia" xa que o último ano do seu goberno "houbo un claro abuso de contratos menores".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2019 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG de Santiago e candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, asegurou este mércores que o seu partido non apoiará a proposta sobre os contratos menores que levará o PP a pleno municipal este xoves. E é que, a dirixente nacionalista entende que as dúas maneiras de darlle unha solución ao problema "a estas alturas" son ou a través da Fiscalía, "se o ve oportuno o PP nos casos que considere", ou a través da propia poboación co seu voto nas eleccións.

Sanmartín asegurou que os contratos menores son "figuras legais, perfectamente reguladas e tipificadas", polo que o seu partido non entrará nunha "criminalización do contrato menor". Con todo, aclarou que estes contratos "hai que facelos ben e ter toda a transparencia do mundo, xa que teñen que poder verse e estar ben claros na páxina web do Concello".

A portavoz tamén considerou que o PP "non é quen nin de dar leccións de transparencia con respecto aos contratos menores" xa que o último ano do seu goberno, antes das eleccións municipais, "houbo un claro abuso de contratos menores", nin tampouco por ser "o partido da corrupción por casos a nivel tanto estatal como local". Así mesmo, criticou que o PP dilatase o debate deste asunto no pleno polo seu "interese" en que a cuestión fose máis un "debate público" que en darlle unha solución.

Finalmente, asegurou que para o BNG, sería cuestión de levar a un pleno extraordinario as concesionarias "que están sen contrato". É dicir, aqueles casos nos que xa terminou o período de vixencia da concesionaria e esta segue estando un tempo "sen ningún tipo de concurso público polo medio".

"A verdade é que temos unha serie de contratos sen contrato que crean unha inseguridade enorme entre a poboación", criticou. Como exemplo puxo o estado das pistas de pádel, a escola municipal de música ou o servizo de recollida de lixo. "Isto si que é un problema porque se está perdendo a posibilidade de ter ofertas máis vantaxosas", relatou.

A concelleira do BNG e vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín
A concelleira do BNG e vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta