A folga do 8M ten gran incidencia en sectores da área pública, a industria e os servizos

Segundo a Cig os datos de seguimento na quenda de noite avanzan que o paro de 24 horas de mulleres "será un éxito".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2019 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

"Miles de galegas están a secundar a folga" para reivindicar igualdade nas condicións de traballo, na esfera social e "o dereito a vivir sen violencia", segundo destaca a CIG no inicio da xornada matinal deste 8 de marzo. A secretaria de igualdade da CIG, Margarida Curral, destaca que afecta ao ensino, onde espera un seguimento "masivo" da folga por parte das estudantes, pero tamén ao consumo e aos coidados.

No conxunto de Galicia, o seguimento da folga na sanidade é "moi elevado", apunta, xa que só acoden as traballadoras nomeadas en servizos mínimos e ten "especial incidencia" na atención primaria.

"Nos sectores máis precarizados e feminizados da administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores, centros de día e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo", asevera.

As traballadoras de ambulancias, na terceira semana de folga, tamén se sumaron nesta xornada ao paro de mulleres, "reivindicado o seu traballo nun sector profundamente masculinizado".

Na comarca de Vigo, a limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro está a verse afectada, segundo a central nacionalista, como o de cociña, do mesmo xeito que a recollida de lixo (que xestiona a empresa FCC) e o mantemento dos parques e xardíns (Althenia).

No sector industrial, subliña a incidencia en empresas como Denso, GKN, Alonarti, Marsan, BorgWarner, Plastic Omnium, Asentos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, Domiberia e Carchidea.

Tamén sobresae, di, o impacto en Copo Galicia, as compañías de alimentación Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato e Conservas Rías Baixas; as téxtiles Bimba y Lola, Pili Carreira, Paz Rodríguez e Selmark e os centros de chamadas Bosh e Unísono. Por último, empresas de transporte como Gefco e Vitrasan tamén rexistran "un importante seguimento".

8M.- 'Importante Incidencia' Da Folga Nos Sectores Máis Feminizados Do Ár. REMITIDA
8M.- 'Importante Incidencia' Da Folga Nos Sectores Máis Feminizados Do Ár. REMITIDA | Fonte: Europa Press

No caso de Pontevedra, a folga déixase notar en empresas de frío industrial situadas no porto de Marín como Marfrio e Cabomar. En Treves, firma da automoción, o seguimento está a ser "total", apunta.

En Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria, ascende ao 80%; e en Acciona, que se encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo, baixa ao 40%.

Na Coruña, a folga afecta á administración pública, empezando polos centros cívicos da cidade, a Casa Casares e Cásaa María Pita. Tamén "parte" das traballadoras de axuda a domicilio sumáronse ao paro e a CIG espera "un seguimento importante no comercio e no comedor de Zara Loxística".

En Celsa Atlantic da Laracha tamén se notou a folga e o 50% das traballadoras de Ferroatlántica de Cee, segundo os datos da organización. En Extel e Atento, fixa o seguimento no 80%.

A CIG acusa de "obstrucionista" á dirección do Hospital Quirón, ao asegurar que esperou ata o último día para comunicar os servizos mínimos.

Na área de Santiago, o 100% das traballadoras da cafetaría do Clínico non acudiron aos seus postos, como en torno ao 90% das empregadas do Concello e máis do 50% das de axuda no fogar de Brión e Ames. A única muller que hai no servizo de transporte do lixo a Sogama tamén está a facer folga, segundo a información que traslada a central.

En Ferrol, indica que o paro é "patente" entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde hai un piquete informativo ás portas da antiga Bazán; en Einsa (As Pontes) e en Indipunt (Narón), así como en Arteixo Telecom, na administración local, oficinas de Correos e tres residencias da comarca, onde o seguimento, sinala, é do 100%.

Censura o comportamento do Consistorio de Mugardos, que notificou a dúas traballadoras para servizos mínimos "nos últimos momentos a través dunha mensaxe de texto".

Na provincia de Lugo, nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Abeiro Gold hai "un importante seguimento da folga", como en Abante BPO, do sector dos centros de chamadas. En Monforte, o paro está a ser "amplamente" secundado no servizo de axuda no fogar e entre traballadoras do Concello.

En Ourense, "faise notar" en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova e en compañías da industria aeronáutica como Coasa.

QUENDA DE NOITE

Os datos de seguimento na quenda de noite avanzan que a folga de mulleres convocada para este venres 8 de marzo, día internacional da muller, "será un éxito", segundo destaca a CIG.

Nestas primeiras horas, a secretaria de mulleres da CIG, Margarida Curral, informa de que o seguimento está "condicionado" polo feito de que a actividade se desenvolve en sectores masculinizados nos que boa parte da quenda realízano homes.

Nos hospitais da rede do Sergas "só estanse cubrindo os servizos mínimos, tanto no que ten que ver co persoal sanitario como nos servizos da limpeza hospitalaria".

Ademais, na zona de Vigo, apunta que están a parar o 90% das traballadoras de Denso, Plastic Omnium e Grupo Copo, así como as de Domiberia e Alonarti.

E na planta de Einsa As Pontes, sinala que "todas as mulleres da quenda de noite" secundaron a folga e hai "un alto seguimento" en Indipunt (Narón).

Xunto á folga, Curral anima ás mulleres a que "colguen mandiles das xanelas, portas e balcóns, simbolizando ben a folga de coidados, ben como denuncia daquelas mulleres que non poden facer folga".

A central nacionalista criticou os servizos mínimos "abusivos" e denunciou que "algunhas empresas tentan limitar o exercicio do dereito á folga".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta