Crecen as denuncias por violencia de xénero un 1,6%

O pasado ano presentáronse 6.537 denuncias en Galicia por violencia de xénero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2019 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos recibiron en 2018 un total de 6.537 denuncias por violencia de xénero, un 1,6% máis que o ano anterior, que se pechou con 6.436. Segundo os datos que deu a coñecer o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia rexistráronse 6.183 mulleres vítimas de violencia machista, o que supón un incremento do 3% con respecto a 2017.

A maior parte das denuncias (4.894) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncias da vítima. Durante 2018, 378 vítimas acolléronse á posibilidade de non declarar como testemuñas, un 6% menos que en 2017.

Nun comunicado, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informou de que esta autonomía "segue sendo unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero --vítimas por cada 10.000 mulleres-- máis baixa do Estado". Así, con 44,13 persoas (en 2017 eran 42,7), a Comunidade sitúase por detrás de Castela e León (40,83) e Estremadura (42,43).

En Galicia, o 82,6% das vítimas en 2018 foron mulleres de nacionalidade española (5.110), mentres que o restante 17,4% eran estranxeiras (1.100). Creceu máis, en termos porcentuais, a violencia contra mulleres estranxeiras (incremento do 11,2%) que contra as nacionais (1,5%).

En canto ás ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas, houbo 2.021 incoadas (4,8% máis que en 2017), 10 inadmitidas (fronte ás 13 do ano anterior), 1.357 aceptadas (o que supón un incremento do 5,7%) e 654 denegadas (3,6% máis).

O pasado ano presentáronse 6.537 denuncias en Galicia por violencia de xénero,. EP DATA
O pasado ano presentáronse 6.537 denuncias en Galicia por violencia de xénero,. EP DATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta