Plataforma Feminista Galega: "Se a educación non muda é porque hai partes da sociedade que non queren mudar nada"

A Plataforma Feminista Galega (PFG) forma parte de Galegas 8M, que coordina actos da folga feminista en Galicia. Falamos cunha das súas activistas, Pilar Estévez, que remarca a necesidade de que o movemento feminista se manteña independente de influencias externas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Desde a Plataforma Feminista Galega tedes medo que esta data se frivolice ou acabe sendo un festivo máis no calendario?
Iso é difícil. Aínda que o ano pasado foi unha eclosión de todos e cada un dos sectores sociais do estado e foi un referente internacional. Mais a mensaxe que levamos ten un contido que cuestiona o sistema de produción tal como está agora, o sistema de reparto de riqueza e por tanto contra o sistema patriarcal. Iso non é algo que estea ben acollido. Os grandes medios, tendo en conta este momento de quen dependen, non fan a mesma chamada á folga. Insisto, é moi difícil que unha folga destas características poda converterse nun festivo. Un erro é facelo festivo, porque é unha folga. Teremos que mirar que tendo un contido tan profundo, tan radicalmente contra o establecido, poda manterse de non ser que as mulleres teñamos que decidir que non sexa un dobre custe manter esta folga. Teríamos que velos entre todo o movemento feminista.

Manifestación 8m Santiago
Manifestación 8m Santiago | Fonte: arquivo Galicia Confidencial

-E institucionalizarse?
Insisto, unha folga destas características é difícil que se institucionalice, de non ser que perda o seu fondo. Pode ter un custe mantela polo que xa dixen, as mesmas características do ano pasado vistos este ano somos conscientes de que canto máis trascende, profundiza e cohesiona, é menos querida. Os machistas non queren perder os privilexios, os empresarios que non teñen en conta a fenda salarial, que producen a conta do que sexa, non a van querer. Vexo o risco, iso si, é que haxa espazos institucionais que o convertan en festivo, se iso acontece, perde o sentido.

-Cal é valoración sobre as posturas de figuras políticas sobre esta folga?
Un posicionamento de apoio e un posicionamento a favor da folga, con todos os contidos que iso ten, benvido sexa. Temos claro, iso si, que non pode quedar nunha postura de decoración. Iso a nós, como movemento feminista pode pasarnos unha factura. Nós veriamos ben un apoio explícito, pero ese apoio nós faríamos del un punto pendente do que se apoia e sobre todo que non tenten ocupar o espazo ocupado polo movemento social, en ningún caso.

-Tedes medo que iso aconteza?
Xa se tentara por parte dalgunhas forzas políticas.

-Mais na manifestación de Lugo víronse caras moi coñecidas da política. Non o vedes como oportunismo?
Co tempo xa se verá se é oportunismo ou non. É difícil rexeitar de xeito explícito de primeiras unha posición de apoio. Mais diremos que esa convocatoria fíxoa o movemento feminista en toda a súa diversidade, non veu de ningún lado, e que ademais os sindicatos apoian esta convocatoria pero tamén lles damos o mesmo aviso. Isto non é dun sindicato nin dous, é o apoio que saiu desde o movemento feminista, quen fixo callar na sociedade o conceito de folga feminista. Que quede claro que non debemos confundir papeis institucionais co papel do activismo feminista.

-Os actuais movementos políticos que mostran a súa oposición frontal ao empoderamento da muller, son para vós un síntoma da debilidade do sistema patriarcal?
Actúan como cando acurralan un animal, saen os instintos máis primarios. Si está claro que para eles somos o inimigo a bater porque así o viven, porque con patriarcais e machistas. Saíulles o que levan dentro. Actúan de maneira primaria. É un perigo para nós, as feministas e para todos os espazos de diversidade e sobre todo, son un perigo e unha ameaza para as liberdades e dereitos fundamentais da sociedade.

-Serían forzas políticas de percorrido moi curto, que en poucos anos xa non teñan peso?
Estiveron alimentadas moito tempo de maneira oculta desde partidos institucionalizados, alimentáronos con alusións indirectas e sobre todo, reflicten o que sae das vísceras durante unha época de crise, pode votarse sen reflexionar. Iso é o que fan estas forzas, aflorar o disgusto da xente dunha maneira primaria. Non obstante, están ben alimentadas por grupos institucionalistas.

-A Plataforma Feminista Galega, sodes varias organizacións en Galicia, que pasos destes para formarvos como organizacións?
Nós estamos baixo o paraugas de Galegas 8M, e a Plataforma Feminista Galega está en coordinación con Galegas 8M e a Coordinadora 8M estatal. Os pasos para formarnos, pois como todo, tecendo acordos mínimos e acordos que nos unan máis. Quizais debamos ter maior coordinación co resto de moventos do estado, iso non quere dicir que non teñamos unha identificación e temos en conta que o movemento feminista é unha forza independente, non pode estar politizado máis alá dun apoio explícito. Somos un movemento amplo para que todas as mulleres se sintan identificadas. Manter unha posición de traballo feminista non é doado nin persoal nin socialmente. Isto é unha cuestión de vagas, de momentos, diso somos conscientes.

-Cal é a maior escusa ou mentira tedes oído para que mater a fenda salarial?
Pode vir das institucións, que din “non nos puxemos a facelo” ou “pois é certo”, cousas así. A empresa ten un abano amplo, desde a resposta “unha muller non ten a mesma capacidade física que un home”, como se todos os homes tivesen a mesma capacidade para ser estivador. Todo isto vén desde estereotipos. Sempre hai algunha excusa soterrada e iso alimenta a diferenza actual do 24% que debera ser modificada por lei, directamente.

-A visibilización da violencia machista fai que haxa máis violencia machista? É un mito ou unha mentira?
Visibilizar é básico para facer ver que existe. Estaba agochada entre as paredes domésticas. Non é correcto como visibilizala. Pedimos un código deontolóxico para que os medios de comunicación traten este tema, sen estereotipos, sen cousificar, mais iso non se fai en moitas ocasións.

-Sería parte diso a nova maneira de transmitir valores que teñen determinados estilos, modas ou mesmo o fracaso no sistema educativo?
Hai como unha nova vaga de estereotipación entre a xente nova, en parte si. Tamén motivada por unha comunicación musical dos novos ritmos, e sobre todo, os planos de estudo non contemplan unha educación transversal feminista, unha educación sen rol de xénero. Se a educación non muda e os estereotipos seguen sendo os mesmos que hai décadas, pois quere dicir que hai partes da sociedade que non queren que mude nada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo

E característico do feminismo radical pensar, inxenuamente, que una educación " feminista" faría que a xente deixara de ser coma é, que as actitudes personais son, só, froito, da educación. E algo infantil ,pero nun medio moi ideloxixado, hai xente que o cree. Todo, absolutamente, todo ten que ser feminista. E un rollo demencial.

1 Carmen Lastra

Hai machistas cobardes que en días como hoxe non dan feito... Están doentes de raiba. Dóelles e próelles que as demais reclamen igualdade.