Apuntan que os actos do Día da Muller non teñen en conta ás persoas con diversidade sensorial

"As mulleres con diversidade sensorial engaden á dobre discriminación de ser mulleres e discapacitadas, unha terceira que é a barreira de acceso á información, xa que os actos, lemas e manifestos, non están adaptados á linguaxe de signos nin subtitulados".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2019 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia, Xoga, celebrou este venres o Día Internacional da Muller sumándose á folga feminista, pero chamou a atención a todos os colectivos sociais que organizaron actos debido á "falta de accesibilidade" que estas actividades teñen, ao seu xuízo, para o colectivo de persoas con diversidade sensorial, especialmente mulleres.

A presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, lamentou nun comunicado que nunha data "tan importante e reivindicativa" as asociacións "non teñan en conta" as necesidades das mulleres xordas e xordocegas á hora de acceder á información sobre os seus dereitos e metas.

"Como representante do colectivo de persoas xordas, xordocegas e con perda auditiva, teño que dar un toque de atención e dicir que no noso caso, as mulleres con diversidade sensorial engaden á dobre discriminación de ser mulleres e discapacitadas, unha terceira que é a barreira de acceso á información, xa que os actos deste venres, lemas e manifestos, non están adaptados á linguaxe de signos nin subtitulados", criticou. Aínda así, Monterde reiterou o apoio de Xoga ás reivindicacións feministas de igualdade entre mulleres e homes e non discriminación por motivo de sexo nos distintos ámbitos da vida.

"MULLERES MAIORES"

Doutra banda, a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) alertou sobre a situación das "mulleres maiores". Así, asegurou que a brecha cultural, de formación, tecnolóxica ou de pensións "son algunhas das desigualdades que afectan as mulleres maiores".

A directora de Ategal, Paula Sande, lembrou, por exemplo, que as mulleres maiores de 65 anos coidadoras non profesionais representan en torno ao 60% do total en España, "cifra que en Galicia pode alcanzar o 90%". Neste sentido, Sande lamentou que a desigualdade entre as mulleres maiores tamén se traduce na conciliación familiar, "xa que seguen sendo elas quen máis coidan a netos, ou persoas enfermas en casa".

"Aínda que cada vez menos, aínda prevalecen edadismos e estereotipos negativos na sociedade que rexeitan que o coñecemento e o acceso á formación, o saber, a cultura e o lecer poidan ser cousa de maiores. Isto non ocorre en Ategal", sentenciou a directora da asociación.

8M.-Segunda Folga Feminista En Galicia. REMITIDA
8M.-Segunda Folga Feminista En Galicia. REMITIDA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta