O Comité Provincial do PSOE avala as listas dos candidatos da Coruña y Ferrol

En Ourense elimínase a Óscar Pérez Carral da candidatura local por "informacións que o vinculan con outra lista".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2019 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

O Comité provincial do PSOE avalou as listas presentadas polos candidatos da Coruña e Ferrol, Inés Rey e Ángel Mato, cun 89,96% dos votos, e descartou as modificacións que defendían as Executivas locais.

Ángel Mato
Ángel Mato | Fonte: PSOE Ferrol

No transcurso do Comité celebrado este sábado, aprobáronse as candidaturas para as cidades de máis de 50.000 habitantes (A Coruña, Santiago e Ferrol), votadas conxuntamente, cunha porcentaxe do 89% e por aclamación a proposta de candidaturas para o Congreso e o Senado.

Non houbo cambios na lista que presentou o candidato á alcaldía de Ferrol, Ángel Mato, que se mantén cos nomes previstos, ao non saír adiante a proposta da Executiva Local, liderada pola secretaria local Beatriz Sestayo, de crear unha candidatura de "inclusión".

Do mesmo xeito, tampouco sufriu cambios a lista da candidata para A Coruña, Inés Rey García, que mantén nos primeiros postos a José Manuel Lage Tuñas, Yoya Neira Fernández ou Juan Ignacio Borrego e deixa a Eva Martínez Acón, secretaria local, no quinto posto, aínda que foi a máis votada no Comité local do pasado sábado. Tamén exclúe a Rafael Arangüena, a pesar de que fora un dos nomes que máis votos recibiu.

Desta forma, Inés Rey, próxima á dirección provincial, fai valer a súa proposta fronte á Executiva local.

En todo caso, trátase de decisións que non son vinculantes, porque corresponde ás estruturas superiores do partido definir e aprobar as candidaturas, nun proceso que concluirá o domingo no Comité Federal, do que sairán as candidaturas do PSOE en todas as provincias de España.

CAMBIOS EN OURENSE

No Comité provincial de Ourense introducíronse cambios na lista presentada para a capital da provincia, ao eliminar a unha das persoas que figuraban, no número 11, Óscar Pérez Carral.

Segundo o secretario provincial Rafael Rodríguez Villarino "non tiña lexitimidade para formar parte da lista do PSOE na cidade", ante "as informacións en prensa que o vinculaban a outra lista", en referencia ao partido impulsado polo ex-socialista Pachi Vázquez.

O candidato á Alcaldía, José Ángel Barquero, rexeitou valorar os cambios, asegurando que descoñecía o resultado do Comité provincial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta