Temas: ENERXíA RURAL

Os donos de terreos con parques eólicos só percibiron o 1,5% do total facturado polo sector

Un estudo salienta os beneficios socioambientais e económicos que pode ter para áreas rurais de Galicia o desenvolvemento de parques eólicos en terreos de pequenos propietarios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/03/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O desenvolvemento eólico crea unha gama de impactos económicos a diferentes escalas territoriais e sectores, un dos cales é o sector local a nivel rural. Con todo, poucos estudos fixeron unha análise en profundidade sobre a relación entre a implementación de parques eólicos e o desenvolvemento rural. E, ata agora, non se fixera unha análise global sobre os pagamentos aos propietarios de terreos nos que se instala maquinaria eólica. Grazas a un estudo de investigadores do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo, agora sabemos que estes propietarios só levan as migallas dun suculento pastel: o 1,5% do total do volume facturado.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: pxhere.com.

Os investigadores xeraron unha base de datos de información socioeconómica sobre a enerxía eólica en Galicia, da que se desprende que o pago medio recibido polos propietarios aumentou co tempo de 1.800 euros por megawatt en 1999 a 3.014 en 2015. Con todo, din, o canon medio por parque eólico variou substancialmente entre un mínimo de 1.246 e un máximo de 7.505 euros por megawatt .

O traballo estima as ganancias totais para os propietarios, que pasaron de 0,84 millóns de euros en 1999,  a 10,1 millóns no ano 2015. “Isto só representa o 1,5% do volume total facturado polos parques eólicos”, salientan os autores, que cualifican de “malos” os resultados económicos para os propietarios.

“A conclusión é que os pagos aos propietarios de terras son baixos en comparación cos doutros países”, engádese no estudo.

Os contratos anuais que asinan eses propietarios baséanse en tres opcións de pagamento: por porcentaxe de facturación de enerxía eólica, por superficie ocupada ou por potencia instalada.

Na primeira destas modalidades, os propietarios de terras reciben unha porcentaxe da facturación da instalación eólica, que xeralmente é dun 1,5% durante o primeiros dez anos do contrato e aumenta ao 4% no transcurso dos anos seguintes, explícase no estudo. “Este pagamento variable implica unha maior vulnerabilidade para o propietario da terra, que debe asumir certos riscos dada a actual diminución da demanda de enerxía”, expoñen os autores. Con todo, indican, “esta modalidade proporciona os maiores ingresos ao mundo rural” pero é a menos común.

O caso do pago anual por superficie ocupada ten dúas alternativas: un pago anual por unidade de superficie afectada para todo tipo de superficies, que oscila entre 0,03 e 0,61 euros por metro cadrado, e pagos en función do tipo ocupación, desde 8,73 euros por metro cadrado  para a superficie da terra totalmente ocupada polos parques eólicos que non permiten outro uso da terra, e ata 0,003 euros por metro cadrado para a superficie da terra suxeita a gabias e cableado que permiten outro uso da terra. Esta modalidade está máis estendida que a de porcentaxe de factura.

A terceira modalidade, o pago por enerxía instalada, é a máis estendida entre os parques eólicos galegos. Nestes casos, o aluguer medio total por ano tende a crecer co tempo: os 1.800 euros por megawatt no ano 1999 creceron ata unha media de 3.014 en 2015.

Os expertos observan varios factores que poden explicar a crecente tendencia dos pagos anuais medios recibidos polos propietarios de terras. O primeiro e máis importante foron os resultados de aprendizaxe colectiva, aumentando a aprendizaxe dos propietarios, “o que reduciu a asimetría con respecto aos  promotores”. Ademais, os investigadores teñen en conta as “expectativas positivas durante a última fase expansiva do capitalismo español que se remonta aos anos noventa e principios do século con respecto á demanda de electricidade e os aumentos previstos no prezo de venda da enerxía eólica”, o que “permitiu unha maior facturación e favoreceu pagos máis altos por parte dos promotores de parques eólicos”.

EXEMPLOS DE DINAMIZACIÓN

No traballo tamén se identifican varios exemplos da dinamización de zonas rurais, áreas baseadas no uso innovador destes ingresos, cos que os propietarios de terras no rural "desenvolveron iniciativas comunitarias que desencadearon a revitalización da economía local, malia o adverso marco  regulatorio actual, desenvolvendo iniciativas rurais innovadoras ou o apoio a iniciativas sociais que aumentaron a calidade e o nivel de vida" dos habitantes destas áreas.

A investigación revela interesantes iniciativas comunitarias como as das parroquias de Figueiras (Mondoñedo), Cabeiras (Arbo), San Mamede (Xermade) e Zobra (Lalín), que fixeron posible a revitalización económica a nivel local ao xerar emprego e mitigar problemas socioambientais como os incendios forestais, mesmo a pesar do contexto regulatorio prexudicial.

O documento conclúe que un marco regulatorio máis vantaxoso podería ter un impacto local moito maior.

O estudo publicouse na revista científica Renewable and Sustainable Energy Reviews, co título 'Wind farms and payments to landowners: Opportunities for rural development for the case of Galicia'.

Temas: ENERXíA RURAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Poi

Somos unha colonia de Madrid e Bruxelas: votos, enerxía, materias primas e galegos.