O PSdeG lamenta as "vacilacións" de Feijóo para apoiar o movemento feminista

Acusa o PP de "usar adxectivos para introducir reservas" sobre o seu apoio ao feminismo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/03/2019 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

O portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leicega, lamentou as "vacilacións" do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, á hora de apoiar o feminismo, un movemento que, segundo o socialista, o PP trata de "impor adxectivos, reservas ou matizacións sen sentido".

O portavoz socialista chamou a que as masivas mobilizacións vividas en toda España o pasado venres 8 de marzo con motivo do Día da Muller teñan traslado ás urnas o próximo 28 de abril, data escollida para a celebración das eleccións xerais.

Rolda de prensa do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga
Rolda de prensa do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga | Fonte: Europa Press

Por iso, instou aos populares galegos, co seu xefe de filas á cabeza, a ser "explícitos, claros e valentes" á hora de defender a igualdade entre homes e mulleres como promulga a ideoloxía feminista.

Neste sentido, censurou que o PP trate de "usar adxectivos para introducir reservas" sobre o seu apoio ao feminismo. "Non estamos en tempos de titubeos ou cortinas de fume. Son tempos de claridade, de defender a igualdade de dereitos entre todos", aseverou Fernández Leicega.

Para o socialista, o PPdeG debe situarse "entre sumarse á maioría e defender o feminismo e o galeguismo" ou "aceptar as posicións" do líder nacional do seu partido, Pablo Casado, cuxo discurso está, segundo Leicega, "dirixido" polo presidente da organización ultradereitista Vox, Santiago Abascal.

PLENO

Así as cousas, o PSdeG levará ao pleno do Parlamento galego que arrinca este martes unha serie de iniciativas relacionadas coa igualdade para "facer efectiva" nas institucións as demandas explicitadas pola sociedade o pasado 8 de marzo.

Unha destas iniciativas propón a creación dunha gardaría na sede principal do Goberno galego, o edificio administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela.

Fernández Leiceaga sinalou que se trata do centro "máis importante" da Administración autonómica e que, a pesar diso, non dispón dunha escola infantil de 0 a 3 anos da que se poidan beneficiar os traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta