IU e Podemos gañan postos na lista de Compostela Aberta

Xan Duro e Jorge Duarte caen postos na lista do alcalde de Santiago, co candidato de Podemos por encima de catro edís. Un militante presenta a título individual outra candidatura nas primarias de Compostela Aberta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2019 | Actualizada ás 23:49

Comparte esta noticia

A candidatura ás municipais de maio 'A Compostela das Máis', que encabeza o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, conta con todos os concelleiros en activo de Compostela Aberta, agás Manuel Dios, despois de que este luns anunciase o seu paso atrás en rolda de prensa. Con todo, hai variacións na orde, entre as que se atopa a caída de postos do segundo tenente de alcalde, Jorge Duarte, que ía de número tres fai catro anos e agora faino no sétimo lugar.

A estas primarias de Compostela Aberta presentouse outra candidatura a título individual por parte do militante Iago Seara Mera, quen na web da formación apunta que tivo unha participación activa "case desde os inicios" de CA.

Pola súa banda, na lista que encabeza Noriega mantense de número dous a actual tenente de alcalde e responsable de Economía, María Rozas. Tras ela, sobe postos a responsable de Igualdade, Marta Lois. O concelleiro de Medio Rural, Rafael Pena, é dos que ve o seu nome máis arriba que en 2015 (ía en noveno lugar e agora é o cuarto).

En cambio, o concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, pasa do quinto ao noveno posto, mentres Branca Novoneyra tamén descende do cuarto ao sétimo posto. O resto de concelleiros son Concha Fernández (quinto posto) e Noa Morais (décima).

O candidato de Podemos que gañou as primarias en Santiago é Álex Castro Botello, que ocupa o sexto lugar, por diante dalgúns dos concelleiros do actual goberno local como Jorge Duarte, Branca Novoneyra, Xan Duro e Noa Morales.

Actualmente, Compostela Aberta conta con 10 concelleiros. A partir de aí, a lista segue co xefe de gabinete, Miguel Penas, no posto undécimo. A candidatura péchase con Natalia Paleo Mosquera, Iago Lestegás Tizón, María Jesús Igrexas Prado e Iolanda Rei Rodríguez.

Poderán presentarse alegacións ata o 13 de marzo. A partir de aí procederase á publicación definitiva das candidaturas. A campaña será do 16 ao 21 de marzo, mentres que as votacións terán lugar durante tres días (do 22 ao 24 de marzo) e a proclamación de resultados será o 28 de marzo.

A viaria Clara Campoamor de Santiago terá tres carrís e regulará con semáforo
A viaria Clara Campoamor de Santiago terá tres carrís e regulará con semáforo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta