Ciudadanos denuncia a aparición de pintadas na súa sede de Santiago de Compostela

Varios integrantes do partido xa condenaron nas súas redes sociais estes feitos, que coinciden coas outras agresións na Catedral

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2019 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

Ciudadanos Galicia denunciou este martes a aparición de pintadas na fachada da súa sede, situada na Avenida de Ferrol de Santiago de Compostela.

Segundo explicaron fontes da formación a Europa Press, foron os integrantes e traballadores do partido os que atoparon a pintada á primeira hora da mañá deste martes. Como consecuencia, C's Galicia procedeu a denunciar os feitos ante a Policía Nacional, que se desprazou ao lugar para investigar o ocorrido. O partido puxo a disposición dos axentes as imaxes gravadas pola cámara instalada no interior da sede.

Nestes momentos, a pintada, na que se podía ler 'k os judan', xa foi limpada. Este acto vandálico ten lugar na mesma xornada na que varias pintadas apareceron na Catedral de Santiago con varias mensaxes reivindicativas.

Varios dos integrantes da formación, como o portavoz na provincia de Pontevedra, Javier Alonso, xa condenaron os feitos a través das redes sociais. "Unha vez máis a posta en escena dos intolerantes e supremacistas que nos enche de convicción para seguir traballando duro polo noso partido e polos nosos ideais. Esta é a súa idea de respecto cara aos demais!!! #NoNosCallarán @CsGalicia", sinala Alonso no seu perfil de Twitter.

A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Olga Louzao. CIUDADANOS  - Archivo
A portavoz de Ciudadanos en Galicia, Olga Louzao. CIUDADANOS - Archivo



Pola súa banda, a coordinadora da formación na capital galega, María Vilas, mostrou a súa "rotunda" condena tanto ás pintadas realizadas na Catedral de Santiago como as achadas na sede do partido laranxa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta