Galicia destaca positivamente na reciclaxe de vidro

É a segunda comunidade onde máis aumentou esta práctica no ano 2018, só por detrás de Madrid e por riba da media estatal

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/03/2019 | Actualizada ás 13:32

Comparte esta noticia

A reciclaxe de vidro en Galicia rexistrou en 2018 "o maior crecemento da última década". Incrementouse un 11%, con ata 48.308 toneladas recollidas a través do colector verde, o que sitúa á Comunidade como a segunda con maior crecemento, só por detrás de Madrid. Á súa vez, está por encima da media estatal, onde o aproveitamento deste material aumentou un 9% o ano pasado.

Segundo os datos presentados este martes en rolda de prensa por Ecovidrio, a reciclaxe de vidro en Galicia "mantivo un crecemento sustentable do 5% ou 6% anual" durante os últimos dez anos. Con todo, en 2018, esta subida do 11% supuxo que a Comunidade se situase case na media estatal, co aproveitamento de 17,9 quilos por habitante, "é dicir, ata 68 envases por galego", fronte aos 18 quilos a nivel español.

Neste sentido, Ángeles Vázquez cualificou estas cifras de "espectaculares" e destacou que "pon en valor a concienciación dos galegos co coidado do medioambiente e cos beneficios que a reciclaxe supón para a contorna e o futuro".

Por provincias, A Coruña é a rexión galega que máis vidro aproveitou en 2018, con ata 17,9 quilos por habitante. Séguena Pontevedra (16,8 quilos/habitante), Lugo (15,7 quilos/habitante) e Ourense (15,6 quilos habitante).

Así mesmo, Ecovidrio subliñou que grazas ás novas tecnoloxías implantadas na planta de Sogama, puidéronse reciclar ata 17.657 toneladas de vidro procedente do colector negro, é dicir, aqueles que non foran separados polos cidadáns. A conselleira de Medio Ambiente valorou que o incremento da reciclaxe permitiu aforrar a extracción de case 80.000 toneladas de materias primas e evitou a emisión á atmosfera de máis de 38.260 toneladas de CO2.

OITO DE CADA DEZ

Nese sentido, Ecovidrio sinalou que case oito de cada dez botes de vidro utilizados en Galicia son reciclados, un 76,5%, mentres que no ano 2000 esta cifra apenas superaba o 30%.

"A concienciación cidadá é un aspecto fundamental, así como a contenerización", asegurou Vázquez, quen engadiu que o ano pasado se instalaron case 700 novos colectores, de modo que se incrementou o o parque nun 4,5%. Así, na actualidade hai case 16.000 "iglús verdes" en Galicia.

Os Bolechas, de Pepe Carreiro, ensinan o proceso de reciclaxe
Os Bolechas, de Pepe Carreiro, ensinan o proceso de reciclaxe

Malia estes datos positivos, desde a Xunta animaron a todos os galegos a seguir reciclando. "Estes resultados espectaculares aínda son mellorables", sentenciou a conselleira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta