Inditex baixa un 5% tras presentar resultados

Achaca a súa desaceleración en ganancias e facturacións ás consecuencias do efecto divisa

Por E.P. | MADRID | 13/03/2019 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

A cotización das accións de Inditex chegaba a rexistrar un retroceso do 5,4% nos primeiros instantes de negociación na Bolsa de Madrid, de xeito que se converteu así no valor máis baixista da apertura do Ibex 35 despois de que a compañía galega presentara as súas contas do exercicio fiscal 2018-2019 (do 1 de febreiro de 2018 ao 31 de xaneiro de 2019).

No seu último ano fiscal, Inditex rexistrou un beneficio neto de 3.444 millóns de euros, o que supón un incremento do 2% respecto do exercicio anterior e do 12% a tipo de cambio constante. Diso informou este mércores a compañía, que anunciou unha nova política de dividendo, cunha alza do 'pay out' ao 60% e un dividendo extraordinario dun euro.

As vendas do grupo alcanzaron os 26.145 millóns de euros, un 3% máis, mentres que o resultado bruto de explotación (Ebitda) situouse en 5.457 millóns de euros, un 3% superior. As vendas a tendas comparables creceron un 4%, con avances en todas as zonas xeográficas e formatos, así como en tendas físicas e 'en liña', á vez que as vendas a tipo de cambio constante medraron un 7%. Así mesmo, as entregas 'en liña' creceron un 27% e alcanzaron os 3.200 millóns de euros, o que supón xa o 14% de vendas nos mercados con tenda en Internet.

A marxe bruta mellorou 39 puntos básicos, crecendo un 4%, ata os 14.816 millóns de euros, tras manter as políticas comerciais non promocionais;  todo iso nunha contorna de "forte" impacto negativo da divisa pola fortaleza do euro.

Pese ao avance do beneficio e das vendas en 2018, trátase do menor crecemento das ganancias desde 2008, cando aumentaron un 0,2%, e tamén da facturación desde que a compañía saíu a Bolsa. A desaceleración do crecemento en beneficio e vendas é consecuencia do efecto divisa, segundo explicou a compañía.

Unha das tendas da compañía Inditex
Unha das tendas da compañía Inditex | Fonte: Arquivo

AMANCIO ORTEGA

Por outra banda, o fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este ano 1.626,2 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, por encima dos 1.386 millóns que percibiu por este concepto o ano pasado. Nesa cantidade inclúese, ademais do dividendo ordinario, o dividendo extraordinario dun euro por acción a repartir en tres anos que a firma téxtil proporá á xunta de accionistas.

Así mesmo, en liña cos plans da compañía de participación dos empregados no crecemento dos beneficios, a compañía repartirá 32 millóns de euros entre os aproximadamente 92.000 empregados que teñen máis de dous anos de antigüidade, dentro do segundo ciclo do Plan 2017-2018, que reparte un 10% do incremento do beneficio.

En concreto, sete millóns de euros corresponden ao crecemento do beneficio no presente exercicio e 25 millóns corresponden a unha achega adicional decidida pola empresa para completar o Plan, por encima dos 21 millóns achegados o ano anterior.

En total distribuíronse 153 millóns de euros entre os anos de vixencia do Plan de Participación. A partir de 2019 entrará en vigor un novo Plan con obxectivos específicos que, no caso dos equipos de tenda, estará ligado ao incremento de vendas.

A compañía destacou que o Plan supón un incentivo máis a engadir ás retribucións variables existentes, que globalmente suman 619 millóns de euros que a compañía reparte entre os empregados que integran o persoal. En total, a compañía distribúe 4.136 millóns de euros en concepto de remuneración salarial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta