Unha ducia de 'Rumores de Compostela' enchen un libro baseado en antigos misterios da cidade

O escritor Xosé Antonio Perozo presenta este mércores esta obra inspirada na vida de figuras como o bispo Xelmírez ou Dona Urraca

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2019 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O escritor Xosé Antonio Perozo presenta este mércores 'Rumores de Compostela', unha obra na que conta unha ducia de historias baseadas en antigos misterios da cidade e que el mesmo define como "verídicamente falsas".

Entre outros, Perozo inspírase na vida e morte do bispo Prisciliano; no atlante que coroa a fachada do Pazo de Bendaña; así como no romance da Corticela, entre o bispo Xelmírez e Dona Urraca.

Xosé Perozo conta en 'Rumores de Compostela' unha ducia de historias baseadas en. CEDIDA
Xosé Perozo conta en 'Rumores de Compostela' unha ducia de historias baseadas en. CEDIDA | Fonte: Europa Press

Perozo apunta que "a memoria da cidade é un patrimonio no que se mesturan á perfección a historia coas lendas, as mitoloxías, as suposicións, as teorías e os misterios", nunha Compostela na que "o rumor se esconde en calquera esquina". "Ser amante do rumor en Santiago é fácil, moi gratificante e ata enriquecedor", sostén.

Cada unha das historias vai acompañada por ilustracións realizadas por Antonio Seijas, Suso Cubeiro, Carmen Díaz, Ana Costas, Isabel Pintado, Jaime Asensi, Sonia González, Viki Berre, Fran Muñiz, María Lires, Evaristo Pereira e Anxo Fariña. O Consorcio de Santiago e Auga Editora acaban de publicar este libro, que será presentado este mércores na Fundación Torrente Ballester polo alcalde, Martiño Noriega.

Compostelán de adopción, este escritor, xornalista e editor naceu na localidade estremeña de Llerena en 1951. Ten publicados case un centenar de libros en galego e castelán que van desde a literatura infantil ata o xénero erótico e o teatro. Ademais, tamén drixiu os dez primeiros tomos da 'Enciclopedia Galega Universal', posiblemente a última editada en papel na era dixital.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta