O BNG propón un debate na TVG cos líderes das forzas con representación no Parlamento galego

O Bloque censura que os partidos estatais só vexan en Galicia "un niño de votos" do que se esquecen pasados os comicios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O BNG propuxo a celebración dun debate na Televisión de Galicia (TVG) cos líderes das catro forzas con representación no Parlamento de Galicia no marco da campaña das próximas eleccións xerais que se celebrarán o 28 de abril. Así o avanzou o coordinador de campaña do Bloque, Rubén Cela, quen detallou que a súa formación xa trasladou esta petición tanto ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, como aos distintos partidos con representación no Pazo do Hórreo.

28A.- O BNG Propón Un Debate Na TVG Cos Líderes Das Forzas Con Repr
28A.- O BNG Propón Un Debate Na TVG Cos Líderes Das Forzas Con Repr | Fonte: Europa Press

Na súa intervención, o político nacionalista mostrouse "convencido" de que o Partido Popular "non porá ningún problema" a este debate tendo en conta que, segundo indicou, "o BNG non está a propor nada que non se fixese no pasado".

E é que, conforme lembrou, nos comicios xerais de 2008 se celebrou na televisión pública galega un debate a petición do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cos entón dirixentes do BNG e PSdeG, Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño, respectivamente.

Por iso, tras asegurar que "o medo é libre", mostrou o seu desexo de que Feijóo "non se escaquee" e dea ao conxunto da sociedade galega "a posibilidade de ver e contrastar as distintas opcións que representan as forzas políticas" con representación en Galicia.

Neste sentido, tras asegurar que de celebrarse o debate na TVG o Bloque estaría representado pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que a súa formación aceptará participar en todos os debates que se lle propoñan.

FALAR DOS PROBLEMAS DE GALICIA

Rubén Cela destacou que o Bloque centrará a súa campaña en Galicia e nos problemas dos galegos fronte ás forzas que só se acordan de Galicia galega cando se convocan as eleccións.

"Imos pór todo o noso empeño para que nesta campaña Galicia non quede ausente, muda e ignorada", subliñou Cela, que censurou que os partidos estatais só vexan en Galicia "un niño de votos" do que se esquecen pasados os comicios.

"Estamos fartos de que nos usen como mercadoría electoral; os paracaidistas só veñen de Madrid a Galicia a pedirnos o voto", asegurou nunha intervención na que lembrou que a única visita do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a Galicia tivo lugar a pasada fin de semana e coa convocatoria electoral en marcha.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta