Ana Pontón afirma que o programa do PP se inspira en 'O conto da criada'

A portavoz nacional do BNG asegura que "aquí os únicos extremos que se tocan son os extremos do PP, de Vox e Ciudadanos que son tres versións iguais do mesmo produto".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou "ao PP de Feijóo e de Casado" de "estar enfrontados a todas as mulleres que saímos a defender os dereitos, cun programa que debe estar inspirado en 'O conto da Criada'". Así se pronunciou a líder do Bloque este xoves en Lugo, cidade na que presentou as candidaturas da súa formación para o Congreso e o Senado, que encabezan Maite Ferreiro e Pilar Prieto, respectivamente.

Neste escenario, a portavoz nacional do BNG referiuse a a proposta do PP de atrasar a expulsión das mulleres inmigrantes que dean aos seus fillos en adopción, unha medida que cualificou de "barbaridade". "O PP de Feijóo e Casado o que nos demostran é que están enfronte de todas as mulleres que saímos a defender os nosos dereitos", manifestou.Nesta liña, Ana Pontón mostrou a súa preocupación por unhas condutas do PP que, na súa opinión supoñen unha "involución democrática, unha involución de dereitos, un ataque á dignidade das mulleres que ningunha persoa de ben debe aceptar".

"Aquí os únicos extremos que se tocan son os extremos do PP, de Vox e de Ciudadanos que non só gobernan en Andalucía cun programa regresivo senón que estamos a ver que son tres versións iguais do mesmo produto", manifestou Pontón, que se referiu a estas forzas como "un residuo do aznarismo".

ACORDOS CON BILDU E ERC

Por outra banda, preguntada pola oferta de Bildu de chegar a acordos con esta formación e ERC para formar un grupo propio no Congreso, Pontón subliñou que "o BNG se presenta a estas eleccións cunha candidatura do BNG". "A única coalición coa que imos ir é coa dos galegos e galegas, a coalición para defender os intereses de Galicia, para facelo sen ataduras, unha coalición para parar os pés á coalición na que está Feijoo que é a da extrema dereita", apuntou.

Xa no acto de presentación, na Porta da Muralla do Campo Castelo da cidade de Lugo, a candidata ao congreso Maite Ferreiro, presumiu de "formar parte destes lista homes e mulleres diversos, de distintas comarcas, con experiencia e compromiso demostrado". "Homes e mulleres que iniciamos un tempo novo, un proxecto e unha finalidade que é levar a voz do BNG e de Lugo ás cortes do Estado, unha voz que foi muda neste últimos tres anos", manifestou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa | Fonte: arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rsiner

Non nos deramos conta. Menos mal que vén a adorara lideresa blocalla a iluminarnos coa súa grande sabiduría.