Temas: AGRESIóN

O millonario portugués acusado de tentar matar a súa esposa proclama a súa inocencia ante a Audiencia de Pontevedra

A muller declara que o procesado lle pegou e agarrouna coas dúas mans polo pescozo para golpearlle a cabeza contra o chan.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

O millonario portugués Carlos Inácio P., acusado de tentar asasinar a súa muller golpeándoa cun mazo nun céntrico hotel de Vigo en maio de 2016, declarouse inocente na primeira sesión do xuízo que este xoves se iniciou na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

A Fiscalía pide que sexa condenado a 12 anos de prisión por uns feitos que o acusado nega, xa que asegura que el só se defendeu ante o ataque da súa muller cun mazo de canteiro.

Na súa declaración ante o tribunal provincial o acusado, que afirmou sufrir problemas cardíacos, relatou que para repeler a agresión da súa esposa Eliza G.P., el empurrouna e esta caeu, golpeándose coa esquina da bañeira e o marco dunha porta. Engadiu que despois forcexaron ata que puido escapar da habitación.

O acusado dixo sospeitar de que a súa esposa quería que el sufrise "algún tipo de accidente" e comentou que tres meses antes se fixeron un seguro e que durante unha viaxe a Hawai, ela obrigoulle a subir tres montañas motivo polo que comentou coa súa cuñada: "Paréceme que a túa irmá me quere matar".

Os feitos que se xulgan tiveron lugar sobre as 8,20 horas do 2 de maio do ano 2016. Aquel día o matrimonio atopábase hospedado no Hotel NH Palacio da rúa García Barbón de Vigo.

"GOLPE MOI FORTE"

A versión do acusado difire da sostida pola súa esposa que ratificou ante a Sala a súa denuncia e declarou que cando estaba na ducha, agachada para aplicarse crema, o seu marido acometeuna por detrás. "Sentín un golpe moi forte na cabeza por detrás", declarou oculta do acusado por un biombo e acompañada por unha psicóloga como apoio.

A muller explicou que o acusado lle pegou reiteradamente e que a agarrou coas dúas mans polo pescozo para golpearlle a cabeza contra o chan e que tentou estrangulala. "Eu non lle golpee a el, só quería saír da habitación, sabía que me ía a morrer alí se non saía", dixo. Finalmente puido saír da habitación e pedir axuda a unha limpadora do hotel.

A muller asegurou que nunca pediu diñeiro a cambio de retirar a denuncia, algo que sostivo durante a vista o avogado da defensa que tamén pediu a nulidade de parte das actuacións.

Na sesión deste xoves tamén declararon varios traballadores do hotel no que ocorreron os feitos. Explicaron que se atoparon á muller espida no corredor, ensanguentada, con golpes na cabeza e moi nerviosa e que a maza estaba tirada no chan e con manchas de sangue. Ela pediulles que chamasen a unha ambulancia, pero non á Policía e díxolles: "Miren ao meu marido, que non sei que lle pasa".

Ademais dos 12 anos de prisión, a Fiscalía reclama que se lle impoña ao acusado unha orde de afastamento e comunicación cara á súa muller durante dez anos despois do cumprimento da condena e solicita tamén 15.000 euros de indemnización. A vista oral retomarase o próximo 28 de marzo.

Temas: AGRESIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta