Marta Rivera de la Cruz, Beatriz Pino, Inés Iglesias e José Manuel Blanco, os elixidos en Ciudadanos Galicia

A formación laranxa pecha as listas ás eleccións xerais e municipais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/03/2019 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

Ciudadanos Galicia pechou nas últimas horas os nomes dos seus candidatos para o Congreso e para as principais cidades. A formación laranxa prepara un acto para a presentación dos cabezas de listas das catro provincias, tres mulleres e un home, que se celebrará o domingo 24 e que previsiblemente contará con algún cargo estatal. Antes, este venres, está previsto que acudan todos eles a un acto de todos os candidatos das provincias españolas co seu líder, Albert Rivera.

Marta Rivera de la Cruz.
Marta Rivera de la Cruz.

Concretamente, a lucense Marta Rivera de la Cruz —escritora, política e xornalista— será o número un pola Coruña e optará a un escano nas Cortes tras ser deputada nas dúas últimas lexislaturas por Madrid.

Beatriz Pino será a cabeza de cartel pola provincia de Pontevedra. Licenciada en Xornalismo pola Universidad Carlos III de Madrid, traballou en medios de comunicación como Telemadrid e Antena 3 e exerce actualmente como responsable de prensa da formación en Galicia.

Inés Iglesias encabezará a lista de Ourense. É profesora titular na Facultade de Dereito do campus universitario ourensán e maxistrada suplente da súa Audiencia Provincial.

Pola súa banda, José Manuel Blanco será o aspirante pola provincia de Lugo. Xefe de servizo de Verteduras no Ministerio de Agricultura, subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade na Xunta de Galicia e opositor do corpo de Enxeñeiros de Montes do Estado.

CANDIDATOS CIDADES

Doutra banda, a formación laranxa tamén pechou as listas para as municipais, aínda que falta a confirmación definitiva por parte da dirección estatal.

Repetirá como cartel en Lugo Olga Louzao, actual portavoz da formación laranxa en Galicia e concelleira nesta cidade. Así mesmo, está perfilado que a actual concelleira María Rey repita en Pontevedra e que en Vigo sexa o actual coordinador local, Gregorio García, o que encabece a lista municipal.

Na Coruña, será a xornalista Mónica Martínez a cabeza de lista, mentres que en Santiago de Compostela liderará a candidatura María Vilas, actualmente coordinadora local da formación.


En Ferrol e en Ourense os candidatos son fichaxes do PP: Alejandro Langtry, que foi concelleiro co PP no goberno de José Manuel Rey Varela —que foi alcalde entre 2011 e 2015 e agora volverá concorrer nestas eleccións tras o seu paso pola Consellería de Política Social— e José Araújo —que ata hai unhas semanas era man dereita do alcalde ourensán, Jesús Vázquez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta