En Marea arrinca a precampaña este sábado cun encontro dos seus candidatos

O partido instrumental que, salvo sorpresa de última hora presentarase en solitario, ratifica o resultado das súas primarias

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/03/2019 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

En Marea arrincará a precampaña para as eleccións xerais do próximo 28 de abril cun encontro dos seus candidatos ás Cortes e ao Senado, que se reunirán este sábado na Coruña, onde tamén estarán os membros da lista do partido instrumental ao Parlamento europeo.

Así, o partido instrumental que lidera Luís Villares ratificou os resultados das súas primarias, celebradas o pasado fin de semana e nas que participaron 1.100 inscritos, un 25% do total do censo. Deste xeito, unha vez conformadas as listas ao Senado e as Cortes, En Marea inicia o camiño cara ás eleccións xerais do 28 de abril, ás que concorrerán, salvo sorpresa de última hora, en solitario.

Mentres Anova, EU e Podemos apuran o prazo para rexistrar a súa coalición -finaliza na medianoite do venres-, os candidatos do partido instrumental abordarán este sábado a elaboración das estratexias para a campaña electoral.

Nun comunicado, En Marea agradece a participación dos seus inscritos nunhas primarias ás que concorreron unicamente propostas saídas da dirección liderada por Villares. "As bases avalan así unhas listas que dan proba do músculo da formación, e coas que En Marea aspira a levar a voz e as necesidades de todas as galegas e galegos ás institucións", engade a coordinadora.

LISTAS

A lista de En Marea ao Congreso pola Coruña queda finalmente integrada por Ana Seijas, Francisco Casal, Alba Nogueira, María Chao e Adrián Dios no cinco primeiros postos. María Dolores Candedo, Xosé Manuel Pérez e Eva López preséntanse ao Senado pola circunscrición coruñesa.

En Pontevedra, Iris Malvido encabeza unha candidatura na que tamén figuran Manuel González, Peque González, María del Mar Blanco e Gaspar Antonio González. Optan ao Senado Mari Camiña, Xulio Villanueva, Silvia Díaz e Xoan Lois Vila.

María Cristina Pérez é a número un por Lugo ás Cortes, seguida por Javier Arca, María Teresa Burgo e Iván López. María Vitoria Esteban, Manuel Germade, María Enma Rodríguez e José Carlos Baliñas son os candidatos ao Senado pola provincia lucense.

Por último, o politólogo Iván Olmos encabeza a lista por Ourense á Cámara baixa. Acompáñano Iolanda Pérez, Sonia Couso e Jorge Vázquez, mentres que Millán Brea, Ana García, María Isabel Fernández e Jorge Lorenzo fano na candidatura ao Senado.

Pola súa banda, a actual eurodeputada Lídia Senra encabeza a lista ás europeas, seguida por Sandra Pesqueira, Xoán Hermida e o deputado no Parlamento galego Davide Rodríguez.

Luís Villares empraza a Sánchez a aprobar no Consello de Ministros o novo ju. EN MAREA
Luís Villares empraza a Sánchez a aprobar no Consello de Ministros o novo ju. EN MAREA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta