Os reitores advirten de que un Brexit duro podería acabar co programa Erasmus en Reino Unido o próximo curso

As universidades preparan plans de continxencia para abordar calquera escenario.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 14/03/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) advertiu de que un Brexit duro podería acabar co programa Erasmus+ en Reino Unido o próximo curso 2019-2020, aínda que lanzou unha "mensaxe de tranquilidade" ata que o Parlamento británico decida como será a súa saída da Unión Europea, prevista inicialmente para o próximo 29 de marzo.

Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit
Boris Johnson, ex-alcalde conservador de Londres e un dos políticos máis activos a prol do Brexit | Fonte: Youtube.

O reitor da Universidade Ramón Llull, Josep María Garrell, explicou que as universidades xa preparan "plans de continxencia" para abordar calquera escenario e "que non se acabe o mundo a finais de marzo". Nese sentido, expuxo que se a saída do Reino Unido é pactada "haberá un período de transición" que non alteraría a situación dos estudantes españois nas illas, aínda que admite que se non hai acordo produciríase "incerteza".

Segundo datos da Representación en España da Comisión Europea, o Brexit podería afectar a 2.600 universitarios españois e uns 2.900 británicos do programa Erasmus+ de mobilidade entre universidades europeas, aínda que os matriculados este curso non deberían verse afectados. Con todo, aqueles que solicitaron estudar no Reino Unido o próximo curso con este programa estarían expostos ao desenlace do Brexit.

En caso dunha saída británica sen acordo, os 'erasmus' españois no Reino Unido para o próximo curso "non terían posibilidade de ser beneficiarios" deste programa europeo a non ser que se produzan pactos bilaterais, precisou o reitor Garrell, que apuntou tamén que as universidades españolas están a notar un descenso das peticións de estudantes británicos para cursar os seus estudos o ano que vén.

Garrell realizou estas declaracións tras participar na xornada 'O Brexit e as universidades españolas' celebrada este mércores na Oficina da Representación en España da Comisión Europea de Madrid, na que se recalcou que no caso de producirse un acordo entre o Reino Unido e a Unión Europea, as condicións do programa Erasmus+ manteríanse ata que acabe o ano 2020.

O Brexit tamén afectaría aos 8.800 españois que estudan no Reino Unido pola súa conta, sobre todo títulos de posgrao, segundo o conselleiro de Educación no Reino Unido e a República de Irlanda da Embaixada de España en Londres, Gonzalo Capellán, que alertou do incremento de taxas que pode producir o novo escenario, multiplicando o prezo dos máster de "9.000 a 30.000 libras".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Uk volverá salvar Europa

Con brexit duro e con brexit brando. O erasmus sen UK na UE está acabado nese estado. The End. C'est fini, rematou...