Identificado un dos autores da agresión a un mozo independentista en Ferrol

O parte médico relata lesións en ósos da cara e rotura de dentes ademais de feridas na cabeza. As primeiras valoracións apuntan un delito de odio ideolóxico.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 15/03/2019 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O mozo agredido en Ferrol na madrugada do sete ao oito de marzo, Francisco Martíns, tivo que ser hospitalizado esa mesma noite no CHUAC da Coruña ante o temor a posibles lesións intracraneanas, segundo informa o seu avogado, Manuel Chao, que asegura que xa hai un identificado por estes feitos.

Francisco Martíns no CHUAC logo da agresión
Francisco Martíns no CHUAC logo da agresión | Fonte: Francisco Martíns

Manuel Chao informou tamén que “xa se fixo a correspondente denuncia diante da Policía”, mais o letrado teme que “a falta de vontade de investigación por parte das autoridades” non axilice os trámites pertinentes para a resolución do caso. “A cuestión é que os delictos por odio ideolóxico son difíciles de investigar” di Chao, quen remarca que “o agresor non está denunciado xudicialmente, pois a Policía non mostrou interese”.

Pola súa parte o agredido, Franciso Martíns Rodrigues, en conversa telefónica, di que si identificou ao presunto agresor por fotografías. Esta persoa era coñecida de vista por Martíns, quen asegurou que non sabía de posibles filiacións políticas con grupos de extrema dereita. “Coñecíao por termos coincidido nos mesmos lugares de ocio” di Martíns. Á parte disto, o avogado do mozo di que existe a posibilidade que as cámaras de seguridade dunha sucursal bancaria poidan axudar nas pescudas. “Tamén esperamos que as testemuñas que acompañaban ao agredido podan identificar a quen o atacou”. “Por comentarios que me van chegando, sei que é porteiro de discoteca” di Martíns.

Os feitos ocorreron logo de que Francisco Martíns e uns amigos estivesen sacando unhas fotos nunha zona de Ferrol diante dunha estatua coñecida como o Capuchón. Naquel momento un grupo de entre oito e dez persoas, segundo o testemuño de Martíns, comezaron a increpalos. “Berraron rojos de mierda, antiespañoles”. Nese momento, Martíns e os seus acompañantes tentaron evitar enfrontamentos aínda que logo foron perseguidos polo grupo que os increpara.

“Un deles fíxome unha chave de loita ou de artes marciais, tiroume contra o chan e quedei inconsciente” di Martíns. Acto seguido houbo tres persoas que permaneceron cabo del ata que chegou a ambulancia que o trasladou ao hopital. Nestes momentos tanto o agredido como a súa representación legal están esperando que as dilixencias vaian para adiante. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta