O BNG acusa a Feijóo de querer "desviar a atención" sobre a folga en Atención Primaria co investimento de superávit

Segundo a portavoz do Bloque, a solicitude para destinar máis fondos á sanidade "é parte da precampaña do PP e dun intento de desviar a atención para que non se fale da folga que haberá en Atención Primaria".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 15/03/2019 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de tentar "desviar a atención" e que "non se fale da folga en Atención Primaria" ao pedirlle ao Goberno central que permita destinar o superávit a sanidade. Así respondeu a preguntas dos medios tras participar na Coruña na presentación da candidatura do BNG ás eleccións xerais por esta provincia, que encabeza Nestor Rego.

A nacionalista opinou que Núñez Feijóo "non sabe que máis facer para tapar o gran conflito que hai nestes momentos na sanidade polos recortes e a privatización que o PP puxo en marcha". En opinión da nacionalista, a solicitude para destinar máis fondos á sanidade "é parte da precampaña do PP e dun intento de desviar a atención para que non se fale da folga que haberá en Atención Primaria". Ana Pontón asegurou que Núñez Feijóo "non ten que pedir permiso a ninguén" porque nos orzamentos da Xunta "hai capacidade para destinar máis recursos á sanidade pública".

FAI FALTA "UN CAMBIO"

Para a portavoz nacionalista, na sanidade galega "fan faltan cambios". Para empezar, referiuse ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, quen "non pode seguir á fronte" do seu departamento "despois de todo o desastre causado nestes últimos tempos". Ademais, criticou que o titular de Sanidade "non é capaz de dialogar e chegar a acordos cos profesionais".

En segundo lugar, Pontón considera que se necesitan máis recursos e descoñece por que a Xunta non dispuxo deles con anterioridade, posto que "ten capacidade". "Alberto Núñez Feijóo ten que gobernar porque non ten que pedir permiso a ninguén para incrementar o orzamento da sanidade pública", indicou Pontón, que reclama un "cambio" que "mellore a atención primaria, acabe coas listas de espera e acabe coa privatización".

Ana Pontón
Ana Pontón | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

NÉSTOR REGO

O portavoz de Os 19 de Meirás e secretario xeral da UPG, Néstor Rego, será a cabeza da lista do BNG ao Congreso pola Coruña nas eleccións do próximo 28 de abril, mentres que Tereixa Novo fará o propio para o Senado. Ante a estatua de Curros Enríquez nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, os nacionalistas, liderados pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, presentaron a candidatura do BNG ás eleccións xerais por esta provincia para conseguir "recuperar a voz propia no Congreso".

"Non podemos permitir que o noso pobo non estea representado", manifestou Rego, cabeza de lista para o Congreso, que estará acompañado, en segundo lugar, por María Xosé Bravo, exconcelleira nacionalista no Concello da Coruña. Néstor Rego avogou por "un cambio de paradigma" e cuestionou o "modelo de estado español corrupto". "Cada vez está máis centralizado e é máis autoritario, e isto supón máis atrancos para Galicia", afirma.

"FUTURO MELLOR"

Pola súa banda, a portavoz nacional indicou que esta candidatura representa "a Galicia que pelexa por un futuro mellor". Ademais, manifestou a relevancia que adquiren "un, dous ou tres deputados do BNG" ante un escenario no que non se albiscan maiorías absolutas. Pontón chamou a "non votar con medo, senón con convicción. "Estamos nun tempo de rebeldía para terminar co centralismo de Madrid", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta