Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2019 | Actualizada ás 18:22
A Asociación animalista Libera proporá á Xunta de Galicia que se establezan 'Luns sen carne' nos comedores escolares, para prescindir dos produtos de orixe animal e contribuír así a combater o cambio climático.
A proposición dos animalistas será transmitida ás Consellerías de Educación e de Medio Ambiente, animando así á Xunta a imitar os proxectos que, desde unha perspectiva de sensibilización directa, apostan por concienciar ao conxunto da cidadanía.
Propoñen así que en Galicia se imiten iniciativas como os 'Meet-Free Monday' que se aplican en cidades como Oslo, Los Angeles ou Edimburgo e que non se eluda o debate sobre o efecto nocivo da industria gandeira e cárnica
A conta de Twiter de Nacións Unidas divulgou nos últimos días unha serie de datos relacionados coa gandaría e o impacto ambiental, lembra Libera, con cifras como que o 10% dos gases de efecto invernadoiro son causados pola cría de porcos e aves, que o 80% das terras agrícolas dedícase á produción de gran para a gandaría ou que a deforestación é unha problemática relacionada coa demanda de máis terreos para o gando.
RECOMPENSA POR DATOS DOS AUTORES DUNS MALOS TRATOS A UN CAN
Por outra banda, Libera e FFW ofrecen unha recompensa de 1.000 euros para quen ofrezan datos do autor ou autores dun "novo caso de violencia" contra un can, na parroquia de Mourente en Pontevedra, onde o animal foi atopado cun lazo de caza incrustado nunha das patas.
Os ecoloxistas activaron a recompensa para incentivar a ruptura "do círculo de silencio" que sosteñen que se produce en casos de malos tratos animais. Lembran, como exemplo, casos como o da "cadela tiroteada e tirada a unha tubaxe de pluviais o pasado ano tamén en Pontevedra, ou os diferentes casos de cans abandonados ou tamén disparados noutras localidades galegas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.