Candidato R.

Disque os romanos se vestían de branco ao se presentaren a unhas eleccións. Parece ser que de aí, de vestir unha “toga cándida” vén a palabra candidato, aquel que se postula para un posto, un cargo, unha misión, etc. Non sei se hoxe en día, máis ca vestir de branco, os nosos candidatos están “in albis”. Vaia por diante que damos por feito que actualmente non hai caldo de cultivo para termos líderes auténticos, pero imos enredar un pouco.

Por Mariña Pérez | Compostela | 10/11/2011

Comparte esta noticia

No tocante ás eleccións do vindeiro  vinte-ene,  unha percibe, igual ca vostede, amigo lector,  un novo tipo de candidato, e mesmo semella que vai callar na sociedade: o candidato desdebuxado, sen perfil, case o candidato de cómic. Normalmente, ata onde temos acordo, nas contendas de calquera tipo, antes de resultar  vencedor había que presentar  batalla, dar a cara, darse a ver, discutir. Só despois da ardua tarefa da loita viña o concepto de éxito que podía implicar, ou non, o vencemento do contrario. Agora non. A mensaxe perdeu efecto.

Agora o que conta é a cor da gravata. Así, o candidato R. vai pola vida sen carisma, sen programa convincente, igual de  insulso có seu homónimo guiñol en Canal + que tan ben manexaba na sombra aquel ex presidente de bigote, lembran?  Será talvez porque sabe da herdanza cruel que comporta ser vencedor? Creo que Valdano lle chamaba a iso medo escénico, léase: o medo a fallar o penalti.  No seu caso suponse que vai así de aquí en diante, porque alguén que non ten carisma despois de vir abaixo cun helicóptero é difícil que o consiga. Podía ter polo menos anticarisma, que xa é moito nos tempos abúlicos que corren, pero non,  este candidato aposta por pasar desapercibido na xungla política.

Apuntou  o ex presidente F.G. ( cantas oportunidades para estar caladiños desbotan os ex! ) que o candidato R. quere chegar ao goberno “facéndose o morto”. E chegará, abofé que chegará, porque o outro candidato, chamémoslle  R´, aínda non expiou erros do pasado que se lle recordan cada vez que intenta abrir a boca. Velos aí van os dous, con cadansúa teima, un invocando un cambio que soa a rancio antes de comezar e outro lambendo as feridas do seu partido. Un uliscando o poder  e o outro cheirando a chamusco. Candidatos burn out  en tempos convulsos que  precisan cambios reais e estratexias de futuro. O que pasa é que temos tan contaminadas as palabras “renovación” ou “cambio”, que xa perderon efecto, igual que noutrora queimamos outros conceptos fundamentais, digamos “memoria” ou “imposición”. Non vou seguir por aí. Alguén debera estar  elaborando xa un Dicionario de usos dislocados de palabras fundamentais para políticos manipuladores.  E non serei eu.

Fagan memoria, non teñen vostedes algo de nostalxia daqueles candidatos que nos lucían tanto antes, os que dominaban o exercicio da oratoria entre perrucas, cazadoras de pana e trencas? Ou entre pasaportes ilegais e reunións clandestinas no exilio? Aqueles que ocultaban amantes e fillos ilexítimos e lían libros do top censura? Agora temos candidatos de gravatas anódinas. Que baixo caemos! E diríase que máis que un escenario de vencedores ou vencidos o vinte-ene semella un pacto entre cabaleiros, un quítate tú para ponerme yo, unha cesión, un parte amistoso en calquera rotonda. Dan a sensación dun traspaso de poderes.  Ten menos emoción que saber o vencedor do Premio Planeta. Mágoa dos directores de campaña, hai que recoñecer que deben de sufrir o seu… O candidato R´. non quere perder máis cohortes de cara a futuras incursións, e o candidato R. gobernará con probable resultado indiscutible, pero coas mans atadas en plan marioneta, coma un candidato etéreo, ficticio e intanxible, que non resulta crible nin na fonética do propio apelido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.