Acusan o Sergas de "tomar o pelo" logo de negar que deriva pacientes á privada

Como todos os terceiros domingos de cada mes, o colectivo Mareas Brancas organizou unha concentración na Coruña. Nela pediron a publicación das listas "non estruturais" xa que, se ben a Administración non ten a obriga legal de emitilas, sería un exercicio de "transparencia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2019 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A Coordinadora Anti-Privatización da Sanidade Pública da Coruña (Mareas Brancas) tachou de "tomadura de pelo" que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegure que non deriva pacientes a centros sanitarios privados, xa que, ao seu xuízo, si que utiliza estas instalacións.

Así o sinalou este domingo o portavoz de Mareas Brancas Miguel Ángel Jiménez a Europa Press tras a concentración convocada pola coordinadora (como todos os terceiro domingo de cada mes) no Obelisco da cidade herculina, á cal acudiron case un centenar de persoas.

Concentración de Mareas Brancas na Coruña, a prol dunha sanidade pública de calidade
Concentración de Mareas Brancas na Coruña, a prol dunha sanidade pública de calidade | Fonte: Coordinadora Antiprivatización da Sanidade

Jiménez asegurou que xa recibiron resposta á petición á Xunta de que publicase o número de pacientes que forman parte das listas "non estruturais" do Sergas por rexeitar ser derivados a un centro privado. As listas "non estruturais" son aquelas ás que se envía aos pacientes que por razóns alleas á organización sanitaria declinan unha primeira proposta de intervención (e sobre as cales o Sergas non está obrigado a ofrecer datos). En moitos casos trátase de persoas que non queren ser operadas nun centro sanitario distinto ao seu hospital de referencia.

CONCERTADOS, NON PRIVADOS

Así, o Executivo galego denegou facer pública esta relación de persoas e insistiu en que "non deriva persoas a hospitais privados, senón a concertados". "A concertación é unha fórmula común de xestión nos diferentes sistemas sanitarios do noso ámbito, nas distintas comunidades autónomas e sistemas nacionais de saúde", explicou o Sergas no documento de contestación ao que tivo acceso Europa Press.

Para Jiménez, esta resposta é unha "tomadura de pelo" xa que, segundo el, a Xunta "fai un xogo de palabras" diferenciando os centros privados dos concertados. Así mesmo, a coordinadora subliñou que, a pesar de que o Goberno autonómico non ten obriga legal, "nada impediría que publicase as listas non estruturais por motivos de transparencia evidentes".

MAREAS BRANCAS

Noutra orde de cousas, na concentración deste domingo, que se levou a cabo a partir das 12,30 horas, os manifestantes tamén debateron sobre temas como os procesos de privatización da Sanidade pública e o novo modelo de Atención Primaria que presentou o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, "que non gusta nin aos seus". Ademais, na sesión de 'micro aberto', varias cidadás contaron os seus casos particulares e as súas vivencias arredor da sanidade pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta