O PPdeG teme que os votos a Vox beneficien o PSOE en "30 ou 40" provincias

O secretario xeral, Miguel Tellado, non rexeita pactos co partido de ultradereita, pero "sempre sobre o programa do PP". En cambio, acusa o PSOE de radicalizarse por negociar con Bildu, Esquerra Republicana ou PdCat.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2019 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, alertou de que os votos a Vox, que non cheguen a sumar para traducirse en escanos, poderían acabar beneficiando ao Partido Socialista en "30 0 40" provincias pequenas de España, polo que apelou ao "voto útil" dos que queren "desaloxar" a Pedro Sánchez da Moncloa.

"Se a Pedro Sánchez lle preguntasen que partido lle gustaría que crecese, diría, se non houbese micros, que ao PSOE e a el mesmo o beneficia que o centro dereita vote a Vox", asegurou Miguel Tellado, en entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press. Este argumento baséao no actual sistema proporcional, que implicaría que a Vox lle pasase como a EU "hai anos": que obteña votos que non se traduzan en escanos e que, "por restos", beneficien ao Partido Socialista.

Aínda que afirma que hai "moitísimas diferenzas entre o PP e Vox", móstrase "seguro de que ningún votante de Vox quere que siga na Moncloa Pedro Sánchez". Polo tanto, fai un chamamento a optar polo "único voto útil" que permite "sacar a Sánchez da Moncloa, o voto ao PP". Paralelamente, tamén apela ao voto útil fronte a C's, que "non se sabe se vai querer pactar co PSOE ou con PP" e que demostrou no Congreso que "descoñece o que é Galicia e que ten moi pouca sensibilidade coas súas necesidades", como reflectiría o seu rexeitamento á transferencia da AP-9 á comunidade galega.

Miguel Tellado, número 2 do PPdeG, durante unha entrevista na Cadena Ser.
Miguel Tellado, número 2 do PPdeG, durante unha entrevista na Cadena Ser.

RADICALIZACIÓN DO PP? 

Con Pablo Casado como novo líder, Tellado asegura que "non se pode acusar o PP de radicalizarse", porque segue sendo "o centro moderado de referencia, reformista"; un partido "ao que os españois buscaron para xestionar a recuperación económica e solucionar os problemas que deixaban os gobernos socialistas". En cambio, a quen acusa de terse "radicalizado" é ao "Partido Socialista de Pedro Sánchez": "Nós non pactamos con Bildu, non pactamos cos secesionistas, quen pactou con eses partidos é Pedro Sánchez".

É máis, Tellado sostén que "hai moitos socialistas moderados aos que non lles gusta ver ao seu partido pactando con Bildu, co PdeCat ou con Esquerra Republicana" e que "do mesmo xeito que fixeron en Galicia con Feijóo van mirar o PP nas próximas semanas como solución de estabilidade e de moderación".

Tellado confía, en todo caso, en repetir resultados por Galicia e alcanzar os 12 escanos actuais no Congreso e no Senado, a pesar da baixada que prognostican as enquisas, porque "para que Galicia gañe é importante desaloxar a Pedro Sánchez da Moncloa".

NON REXEITA PACTOS CON VOX PERO "SEMPRE SOBRE O PROGRAMA DO PP"

O número dous do PP de Galicia mantén que a aspiración do partido é a de "non pactar con ninguén", pero tampouco rexeita os acordos con Vox, aínda que asegura que "calquera pacto se fará sempre sobre o programa do PP, de centro, reformista e moderado".

AS FUGAS DE POPULARES A C'S: "ANÉCDOTAS"

A pesar de que esta semana se confirmou que Alejandro Langtry, exconcelleiro do PP de Ferrol,  será o candidato de Ciudadanos na cidade, Miguel Tellado asegura que as "fugas" son "anécdotas" e "casos puntuais" que tamén lle ocorren a outros partidos.

"Sempre houbo fugas, pero non só do PP, tamén lle pasa ao PSOE; aí está Pachi Vázquez, histórico dirixente que abandona para irse a outro partido, e xa vimos a xente marcharse para UPyD e ata para o partido de Mario Conde", agrega.

DEBATE EN GALICIA PARA AS XERAIS

Preguntado pola proposta de Ana Pontón dun debate sobre as eleccións xerais, Miguel Tellado atribúe a petición a que a portavoz nacional do BNG "quere gañar protagonismo", porque ten "o grave problema de que o BNG cada vez ten menos peso". 


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Remulo

Entón o que ten que facer o PP é non presentarse na metade desas provincias. Ou non?