Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2019 | Actualizada ás 12:54
Unha delegación formada por 15 representantes de colectivos cidadáns galegos desprazaranse este martes ata Bruxelas para esixir no Parlamento europeo "aire, auga e terra limpas para Galicia e para toda Europa". En concreto, trátase dunha iniciativa da eurodeputada galega do Grupo Confederal Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Lídia Senra.
Segundo informa a europarlamentaria, o obxectivo da viaxe será "denunciar" que na Comunidade "están a incumprirse as normativas ambientais na xestión do lixo, na minaría, na depuración das augas, nos proxectos relacionados coa transición enerxética e por parte de moitas empresas que priorizan a rapina dos recursos naturais e os beneficios económicos fronte ao respecto polo medio, pola saúde e polo futuro de vida da maioría da poboación.
A delegación, que partirá este martes do aeroporto de Lavacolla, en Santiago, estará integrada por representantes da Plataforma Non á ampliación da depuradora de Lourizán (Pontevedra), Plataforma Veciñal de Sanxenxo, Plataforma Casalonga Limpa de Residuos (Teo), Plataforma Salvemos Catasós (Lalín), Plataforma Mina Touro-O Pino Non, Plataforma pola recuperación do río Sar, Plataforma Non Eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural (Coristanco), Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, Comisión de Seguimento da minaría e defensa do rural de Mesía-Frades, Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde (Rois), Sindicato Labrego Galego (SLG) e ContraMINAcción. Tamén acudirá a deputada de En Marea no Parlamento galego Paula Vázquez Verao.
O groso das actividades levará a cabo durante o mércores, de 13,30 a 9,30 horas, nunha xornada de intercambio e exposición de información na Eurocámara á que tamén asisitirán membros do equipo xurídico da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.
Xa na tarde do mércores, a partir das 19,00 horas, os colectivos congregaranse no Centro Galego de Bruxelas A Tentation, onde se proxectará a reportaxe documental 'Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas'. Ademais, o xoves asisitirán á convocatoria da sesión da Comisión de Peticións do Parlamento europeo, na que algunhas destas entidades teñen presentadas solicitudes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.