O potencial enerxético das ondas en augas de Galicia é dez veces superior que no Mediterráneo

O litoral galego é o mellor lugar en España para xerar enerxía undimotriz. Mentres Portugal e País Vasco foron pioneiros no mundo na instalación de granxas de ondas, en Galicia séguese explorando a posibilidade de aproveitar esta enerxía renovable.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/03/2019 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

Galicia conta cun enorme potencial para liderar en España e en Europa o desenvolvemento da enerxía undimotriz –a producida polo movemento das ondas do mar–. O litoral galego ten unha capacidade enerxética nada menos que dez veces superior á do Mediterráneo.

Ondas xigantes nun temporal
Ondas xigantes nun temporal | Fonte: EP

Científicos do grupo de investigación Medio Marino, Costero y Portuario y otras Áreas Sensibles, da Universidad Politécnica de Madrid, veñen de publicar os resultados das medicións feitas durante dez anos na Rede de Boias de Aguas Profundas de Portos do Estado, repartidas en 15 puntos do litoral español.

Por potencial de enerxía, as tres primeiras sitúanse en Galicia: Cabo Vilán-Sisargas, Cabo Silleiro e Estaca de Bares, onde o potencial supera os 50 quilowats por metro de fronte de onda. Valores que contrastan cos rexistrados en puntos do Mediterráneo, como en Valencia, onde apenas se superan os 5 kW/m.

“Existe unha gran variación nos valores de potencial de enerxía das ondas na costa española, desde 56,84  kW/m no norte a 5,42 kW/m no leste, cunha diferenza dez veces superior”, salientan os autores do estudo.

Por áreas, o potencial enerxético das ondas mostra os seguintes valores: entre 56,84 e 39,09 kW/m na costa norte, ao redor de 12,70 kW/m na costa suroeste, entre 13,95 e 5,42 kW/m na mediterránea, entre 23,71 e 6,93 kW/m nas Illas Canarias, e entre 16,21 e 10,16 kW/m nas Baleares.

Cabo Vilán-Sisargas é o punto da Rede de Aboias Exteriores de Portos do Estado que presenta o maior potencial enerxético, con 56,84 kW/m, seguido por Cabo Silleiro, con 53,50 kW/m, e Estaca de Bares, con 53,36.

Os valores acadados en Galicia non teñen parangón en España. Os seguintes puntos con maior potencial undimotriz atópanse tamén no norte, pero lonxe dos rexistros galegos: Cabo de Peñas, en Asturias (39,66  kW/m) e Bilbao-Biscaia (39,09 kW/m). Un chanzo máis abaixo sitúase Gran Canaria (23,71 kW/m).

Os valores decaen notablemente no resto de puntos medidos, sendo as augas mediterráneas as que menor potencia enerxética teñen: Mahón, nas Illas Baleares (16,21 kW/m); Cabo de Begur, en Xirona (13,95 kW/m); Golfo de Cádiz (12,70 kW/m); Dragonera, nas Baleares (10,16 kW/m); Cabo de Gata, en Almería (8,43 kW/m); Cabo de Palos, en Murcia (8,17 kW/m); Tenerife Sur (6,93 kW/m); Tarragona (6,14 kW/m) e Valencia (5,42 kW/m).

“Como era de agardar, as zonas costeiras atlánticas de Galicia e o Cantábrico son as máis enerxéticas de España. As augas profundas de Galicia caracterízanse por ter máis de 50 kW/m, mentres que as cantábricas roldan os 40 kW/m. As boias restantes mostran un potencial de enerxía de onda moito máis baixo, menos da metade das galegas”, destacan os científicos.

Os resultados desas medicións publicáronse recentemente nun estudo titulado ‘Wave Energy Potential Assessment and Feasibility Analysis of Wave Energy Converters. Case Study: Spanish Coast’, na revista científica Journal of Coastal Research.

UNHA GRANXA DE ONDAS EN GALICIA?

A idea de instalar no litoral galego unha granxa de ondas vai cobrando forza. En 2017, aparecía unha proposta de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Plymouth (Inglaterra) para crear en Burela a primeira granxa de ondas en Galicia para explotar a enerxía undimotriz.

A primeira granxa comercial de ondas do mar no mundo inaugurouse en Portugal en 2008, preto de Porto, mentres que en 2011 se abriu en Mutriku, no País Vasco, a máis produtiva do mundo. Pero quedaría pequena fronte a unha granxa de ondas en Burela, onde os científicos de Santiago de Plymouth calcularon que se podería chegar a acadar un rendemento enerxético anual de 2.656,05 megawatts por hora (2,6 GWh), cifra que supera amplamente a potencia que xera actualmente a planta undimotriz de Mutriku, con 1,6 GWh.

Outro estudo concluíu que o uso e o aproveitamento conxunto de dúas enerxías renovables como son a eólica e a undimotriz reduce á metade os custes de produción

Sharay Astariz, enxeñeira formada no Campus Terra da Universidade de Santiago, defendeu na súa tese de doutoramento –‘Combined wave and wind energy: synergies and implementation’– que o custe de produción de enerxía podería reducirse á metade a través do emprego de parques combinados, respecto do custe rexistrado independentemente en parques eólicos e de ondas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta