Galicia, novena comunidade con máis taxa de accidentes de tráfico laborais

Os accidentes en estrada son o primeiro factor de mortalidade entre os accidentes laborais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2019 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

Galicia é a novena comunidade autónoma con maior número de accidentes de tráfico laborais por cada 100.000 habitantes cunha media de 344,4, segundo o 'I Informe sobre a Seguridade Viaria Laboral en España', realizado polo Real Automóbil Club de España (RACE).

Accidente de tráfico.
Accidente de tráfico.

De acordo com este estudo, España rexistra ao ano, de media, medio millón de accidentes laborais con baixa, dos que cales preto de 70.000 corresponden a accidentes de tráfico, un dato que non deixou de aumentar desde 2013 e que xa se atopa en niveis anteriores a 2010. Ademais, estes sinistros viarios, cando son mortais, custan de media ao país preto de 2.000 millóns de euros.

O informe atribúe este ascenso da accidentalidade viaria laboral a "unha mellor taxa de emprego e mellores resultados na actividade económica", ao que se suma outro factor, que "o parque de vehículos en circulación non creceu nas mesmas proporcións".

Ao longo da serie temporal estudada (de 2008 a 2018), os accidentes viarios laborais representan entre un 11% e un 12% do total de sinistros laborais ocorridos en España, sendo o primeiro factor de mortalidade entre os accidentes laborais (38% do total).

En canto a 2018, un total de 249 persoas perderon a vida en accidentes de tráfico laborais. Segundo o estudo, o perfil con máis risco de sufrir un sinistro deste tipo é o de mulleres entre 16 e 29 anos nos accidentes 'in itinere' (aqueles que se producen desprazándose desde e ata o lugar de traballo e que supoñen o 70% do total), e homes entre 16 e 29 anos nos accidentes 'en misión' (os producidos durante a xornada laboral).

Ademais, prodúcense máis accidentes indo ao traballo (64%) que volvendo del, e destaca que é máis probable que unha persoa sufra un accidente se leva pouco tempo traballando na empresa (menos de 6 meses) e se a compañía é grande (máis de 250 traballadores).

O informe tamén destaca que outro "gran dano" que provocan este tipo de accidentes é o económico, xa que as baixas por accidentes viarios laborais supuxeron, de media no últimos nove anos, preto de 2.000 millóns de euros á sociedade, dos que 100,6 millóns ao ano son unha carga para a Seguridade Social.

Por tipo de accidente, o custo medio de cada sinistro leve que produciu unha baixa ascende a 17.900 euros, por 237.800 euros o grave e case dous millóns en caso de ser mortal. Os custos engloban gastos médicos e de rehabilitación, servizos xudiciais, de emerxencia, danos materiais e perdas de produción.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta