Colectivos de Ordes denuncian a contaminación na Eurocámara: "A comarca está enferma"

Bótanlle a culpa á central térmica de Meirama, á mina das Encrobas, ao proxecto de "megaparque eólico" e a Sogama, entre outras. Piden que se presione a España para o cumprimento da normativa medioambiental

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2019 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

A Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes (A Coruña) acudiu esta semana a Bruxelas para denunciar no Parlamento europeo que a comarca está "enferma" porque "se produce a maioría de concentración de industrias altamente contaminantes de Galicia".

Así o describiu o membro deste colectivo Leandro del Río, durante un encontro mantido este mércores co membro do equipo xurídico da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, José Manuel Servert, no que participaron outras entidades xunto á deputada de En Marea Paula Vázquez Verao.

A Plataforma acusa as institucións públicas de "fomentar" esta situación de "contaminación múltiple" e culpan a entidades como a central térmica de Meirama, a mina de lignito das Encrobas, a subestación eléctrica de Mesón do Vento, á "ameaza" dun futuro "megaparque eólico" e a Sogama -planta de xestión de residuos propiedade da Xunta-.

Deste xeito, Leandro del Río reclamou aos representantes da Comisión Europea que leven a cabo "unha investigación que aclare se o emprego de fondos públicos europeos aplicado a estes proxectos en Galicia foi correcto". Ademais, subliñou a "necesidade urxente" de "presionar" desde a UE a España "para que mellore a calidade técnica da lexislación e das normativas relativas a medio ambiente e sanidade ambiental", esixindo ademais "un maior control e transparencia na tramitación de autorizacións".

Así mesmo, a Plataforma Salvemos a Comarca de Ordes denunciou a "limitación de prazos de exposición pública" de proxectos que afectan á saúde por parte da Xunta, algo que é -asegurou- "contraria á propia directiva ambiental europea vixente".

VERTEDOIRO DE LESTA

Paralelo a todo iso, Daniel Veiras, membro da Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Lesta -tamén en Ordes-, sinalou que nun radio "de tan só 3,5 quilómetros" deste espazo detéctase "contaminación de augas por motivo das filtracións e fugas do vertedoiro da Areosa, contaminantes tóxicos no aire liberados polas combustións de Sogama, Cesuga e a central térmica de Meirama".

"A situación é insustentable. Non se trata de simples molestias ou dunha situación accidental, senón dun grave problema que degradou absolutamente a nosa calidade de vida", esgrimiu, para despois apuntar que "resulta totalmente improcedente" que a Xunta cualificase de favorable a avaliación de impacto ambiental do proxecto de vertedoiro de Lesta "a tan só 400 metros do macrovertido da Areosa".

Pola súa banda, Jessica Rey trasladou as demandas da Plataforma Non Eólicos en Ordes, que alertan de que esta enerxía limpa "pode acabar destruíndo un territorio, máis aínda tendo en conta os impactos acumulados" da comarca.

Colectivos de Ordes denuncian na Eurocámara que a comarca está 'enferma' pola contaminación
Colectivos de Ordes denuncian na Eurocámara que a comarca está 'enferma' pola contaminación

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta