Da tradución como instrumento de censura

Xa non abonda coa desaparición dos xornais galegos –os que falaban na lingua propia de Galiza- en cadoiro mortal que consumou o seu curso en dous anos, os mesmos que leva Alberto Núñez Feijoó á fronte do goberno da Xunta.

Por X.M.Álvarez Caccamo | Compostela | 13/11/2011

Comparte esta noticia

Nos últimos tempos, os medios escritos que reservaban espazos de insultante porcentaxe minúscula para a expresión no noso idioma intensificaron a súa agresiva política de minorización do galego. Ao verificaren os seus consellos directivos e as cúpulas propietarias das cabeceiras o súpeto retroceso dalgúns significativos logros colectivos cara á normalización idiomática, decidiron sumarse ao proceso de demolición. Trátase de deitar lastre, de desfacerse dos derradeiros vultos dese peso que nunca conseguiron aturar.

Procurade nos xornais de Galiza crónicas e noticias, artigos de opinión e reportaxes escritas en galego. Paciencia. Acaso topedes algunha columna disimulada contra as marxes. Poida que consigades ler no exemplar de hoxe unha colaboración que fale na lingua de noso. No de mañá talvez ningunha. Sabemos de xornalistas integrados no cadro de persoal dalgúns diarios aos que se lles nega a posibilidade de expresarse en galego. E coñecemos casos recentes de rexeitamento de colaboracións por causa do idioma en que se expresan. No Faro de Vigo, por exemplo. A esas persoas propóñeselles en ocasións que os traduzan ao español. “Son ordes da dirección”, anuncia o redactor, aclara a xornalista, incómodos e ás veces patentemente disconformes coa consigna censora.

En varios xornais de Galiza practícase con crecente eficacia a tradución ao castelán de entrevistas e declaracións feitas en galego. Esta fórmula de manipulación informativa foi denunciada no manifesto “A marxinación do galego nos medios”, que circula pola rede e conta xa con perto de 4.000 sinaturas de adhesión. O documento foi presentado en roda de prensa celebrada en Santiago o día 10 de outubro pasado. Nas páxinas de Galiza do xornal El País correspondentes ao día 11 reprodúcense entre aspas e en versión española unha parte das declaracións feitas polos promotores (Henrique Harguindey, Francisco Pillado e eu mesmo) e varios parágrafos do devandito manifesto. Ridículas, patéticas, e non só como mostra exemplar dos feitos que se denuncian senón, sobre todo, de ineptitude profesional (imputábel, máis unha vez, aos consellos directivos e non á redactora da noticia), resultan estas liñas, enmarcadas baixo o rótulo “Exigencias”: La reproducción literal de sus declaraciones e intervenciones en la lengua en la que las expresan. Constatamos nestas ringleiras, efectivamente, un caso claro de reprodución literal e idiomáticamente fiel da esixencia de “reprodución literal das nosas declaracións e intervencións na lingua en que as expresamos”.

Como estamos en campaña electoral, Faro de Vigo entrevista candidatas e candidatos. Non conseguimos averigüar en que lingua se comunicaron realmente entrevistador e entrevistado. Á vista da utilizada sempre polo xornal, mesmo os líderes nacionalistas se expresan en castelán. Sei, porén, que, poñamos por caso, Olaia Fernández Davila, cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, galego falante habitual, usa a lingua propia de Galiza nas súas intervencións públicas. A entrevista que se lle fixo no Faro de Vigo do día 10 de outubro pasado é –como moitas outras- un exercicio falaz, manipulador e violento de tradución censora. A defensa activa do noso idioma constitúe marca ideolóxica principal da formación política que ela representa, posición non exclusiva, naturalmente, dos militantes e afiliados ao Bloque, senón compartida por un amplo e crecente espectro social e ideolóxico. A tradución ao castelán das declaracións públicas e das entrevistas concedidas por persoas que se expresan en galego e que, ademais, fan desa escolla un instrumento luminoso de afirmación dos sinais de identidade colectiva de Galiza, constitúe unha acción moi consciente de agresión ás súas claves vivenciais e de pensamento. Unha estratexia moi calculada de censura global que atenta contra o significado completo da mensaxe que, desde o idioma noso, pretendemos transmitir. Unha posición involutiva e reaccionaria que debemos denunciar permanentemente e coa que non podemos colaborar en ningún caso. En ningún caso resulta admisíbel ceder á chantaxe da visibilización pública baixo condición de censura lingüística. A tradución ao castelán do noso pensamento e da nosa lingua nos medios de Galiza ten como finalidade facernos definitivamente invisíbeis. Non colaboremos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé María Álvarez Caccamo Xosé María Álvarez Cáccamo naceu en Vigo no ano 1950. Poeta e crítico literario, ten publicado ademais obra narrativa, teatral e literatura para crianzas. É autor de poemas-obxecto e visuais. É autor, entre outros, dos seguintes libros de poemas : Praia das furnas (1983), Arquitecturas de cinza (1985), Os documentos da sombra (1986), Luminoso lugar de abatimento (1987), Cimo das idades tristes (1988), O lume branco (1991), Calendario perpetuo (1997), Os cadernos da ira (1999), Vocabulario das orixes (2000), Vento de sal (2008) e Cántico dos topónimos esdrúxulos (2010). En Ancoradoiro. Obra poética (1983-2003) reúnense os seus libros de poesía publicados até ese momento, dos que se ofrece unha ampla selección na escolma titulada De sombras e poemas que son casas (2010). Memoria de poeta (2006) é o título da súa autobiografía. Tempo do pai (2008) recolle a evocación da vida do seu pai, Xosé María Álvarez Blázquez. As súas colaboracións críticas están dedicadas fundamentalmente á poesía galega da segunda metade do século XX e foron recollidas no libro Espazos do poema (2009).