Temas: FRASEOLOXíA

“Darlle # Meterlle tralla a algo”, equivalente ó castelán “Darle # Meterle caña”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 24/03/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Sen abandonarmos o campo semántico polo que estivemos a vogar ultimamente, metémonos desta volta coa locución castelá darle # meterle caña a algo, no sentido de bulir máis ou esforzarse máis na realización dese algo, e posible confluente en determinados contextos, polo tanto, con diferentes secuencias expresivas das que estivemos a ver nestas últimas semanas.

Guidetti pelexa polo balón coa defensa castellonenca.
Guidetti pelexa polo balón coa defensa castellonenca. | Fonte: lfp.es

Darle # Meterle caña a algo && Darle tralla # brasa # estopa

{= Bulir máis ou esforzarse máis na realización ou execución dalgunha cousa.}

Darlle # Meterlle tralla

Darlle # Meterlle brasa

Darlle # Meterlle vara

Darlle # Meterlle lume (no cano)

[E MAIS]:

Darlle # Meterlle leña

Darlle # Meterlle ferro

Darlle # Meterlle estopa

Ex.: ¡Vamos, chaval, dale caña al piso de madera, que mañana tenemos que dejar todo el trabajo acabado!

¡Vamos, rapaz, dálle tralla # dálle brasa # mételle vara # mételle lume (no cano) # dálle leña # mételle ferro # mételle estopa ó piso de madeira, que mañá temos que deixar todo o choio rematado!

Ex.: Como no le demos caña de aquí a final de curso, no vamos a aprobar ni una.

Como non lle metamos tralla # deamos brasa # deamos vara # deamos lume (no cano) # deamos leña # deamos ferro # deamos estopa de aquí a final de curso, non imos aprobar nin unha.

● Tamén:

Darle cera

Darlle brea && Darlle manteiga

Ex.: ¡Vamos, rapaz, dálle brea # manteiga ó piso de madeira, que mañá temos que deixar todo o choio rematado!

Ex.: Como non lle deamos brea # manteiga de aquí a final de curso, non imos aprobar nin unha.

APUNTAMENTO 1:

Nótese que varias das voces que se usan nas expresións que dan conta deste contido (coma por exemplo tralla, vara, leña ou mesmo brea) tamén se empregan, nun sentido probablemente previo ó que aquí se expón, relacionadas co campo semántico de lle dar golpes a unha persoa ou animal ou de apertar ou presionar a alguén para que faga algo.

Así pois, vemos que os lindes entre os campos semánticos do castigo físico, da presión física e mental e mais do (maior) apresuramento na realización dun determinado traballo ou actividade resultan bastante permeables.

● Tamén:

Darlle # Meterlle a quinta

● Tamén:

Darlle (duro)

Darlle (duro) && Petarlle (duro)

Ex.: ¡Vamos, rapaz, mételle a quinta # dálle (duro) # pétalle (duro) ó piso de madeira, que mañá temos que deixar todo o choio rematado!

Ex.: Como non lle metamos a quinta # Como non lle deamos (duro) # Como non lle petemos (duro) de aquí a final de curso, non imos aprobar nin unha.

APUNTAMENTO 2:

Parece claro que a expresión “meterlle a quinta a algo” provén do mundo dos coches, e, por máis detalle, de cando estes inda non tiñan seis velocidades.

● Tamén, asociada a ámbitos de uso coloquiais e populares, e como exemplo de expresión que xorde a partir dunha circunstancia ou evento de certa relevancia social (neste caso, dunha canción do grupo musical galego Heredeiros da Crus):

Iscarlle lura

Ex.: ¡Vamos, rapaz, íscalle lura ó piso de madeira, que mañá temos que deixar todo o choio rematado!

Ex.: Como non lle isquemos lura de aquí a final de curso, non imos aprobar nin unha.

NOTA:

As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta