Xunta, patronal e sindicatos, no camiño dun acordo en 2019 para mellorar a calidade do emprego

Sintonía entre o conselleiro de Economía e os portavoces da CEG, UXT e CC.OO., aínda que é o inicio das negociacións

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/03/2019 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

A Xunta, a patronal galega e os sindicatos UXT e CC.OO. teñen a "vontade" de chegar a un acordo durante este ano que mellore as condicións do traballo no mercado laboral galego.

Así o manifestaron as tres partes en declaracións aos medios de comunicación tras unha reunión dunhas dúas horas que supuxo un novo encontro (tras o de febreiro) no marco do diálogo social. Nesa primeira cita do mes pasado, a CIG, a central maioritaria en Galicia, xa se descolgara destas conversas.

Unha reunión do conselleiro de Economía, Francisco Conde, coa CEG, UXT e CC.OO.. XUNTA
Unha reunión do conselleiro de Economía, Francisco Conde, coa CEG, UXT e CC.OO.. XUNTA

En primeiro lugar o conselleiro de Economía, Francisco Conde, enumerou as "prioridades" que se "concretaron" este xoves, cando tamén estivo presente a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca.

IGUALDADE DE XÉNERO E CLÁUSULAS SOCIAIS

Así, apuntou ao "impulso" á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, o "desenvolvemento" das cláusulas sociais na contratación pública, a transformación tecnolóxica na industria, políticas activas de emprego e modernización das relacións laborais. Agora, segundo explicou, fixarase un calendario de traballo a través de mesas de carácter técnico ao longo dos próximos meses.

Pola súa banda, o portavoz da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, mostrouse ilusionado con poder participar neste terceiro diálogo social, logo das dúas citas anteriores. Valorou igualmente o "bo ambiente" e disposición de colaboración, polo que esperou "o mellor" destas negociacións. "Pretendemos pechar a maior parte en 2019", indicou.

O secretario xeral de UXT, José Antonio Gómez, fixo fincapé na necesidade de mellorar a calidade do emprego e urxiu a traballar xa. "A ver ata onde podemos chegar este ano. Non se pode esperar máis", advertiu.

Por último, o seu homólogo en CC.OO., Ramón Sarmiento, falou dun "desafío importante", posto que a situación do traballo require, ao seu xuízo, unha "reformulación" Apostando por este "escenario de consenso", recoñeceu que ao estar ao principio "hai boa vontade", pero avisou de que, para chegar a obter resultados, é preciso o "esforzo de todos" e "que haxa xenerosidade". "Estamos obrigados todos a elevar propostas ambiciosas", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta