O BNG busca votantes non nacionalistas para as Xerais

'Agora Galiza' será o lema nunha campaña na que o Bloque reivindica que a súa papeleta ten "valor dobre": representar "a voz" de Galicia "sen submisión" e garantir políticas "progresistas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2019 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

'Agora Galiza' é a lema electoral elixido o Bloque Nacionalista Galego (BNG) para a súa campaña ás xerais do próximo 28 de abril coa que pretenden chegar "non só aos nacionalistas" para así solicitar o voto daqueles cidadáns "que boten en falta" que os problemas de Galicia estean "no centro do debate".

A campaña foi presentada este venres na sede nacional da formación frontista pola deputada Olalla Rodil e o responsable de comunicación do BNG, Xabier Campos; que apelaron a dirixir a mensaxe do Bloque a "persoas que mesmo apostaron por outras forzas pero que agora ven ao BNG como unha forza á alza e a única con capacidade para pór a Galicia no centro do debate político".

A estratexia do Bloque é aproveitar a súa tendencia "positiva" para así recuperar apoios e volver ás institucións do Estado que abandonaron en 2015 por primeira vez en 20 anos. Para iso, deseñaron unha "campaña inclusiva" dirixida "non só aos nacionalistas".

"Non nos diriximos só a eles (nacionalistas). O destinatario é toda a xente que quere un cambio positivo na sociedade, votasen o que votasen, falen o que falen e sintan o que sintan", resaltaron.

O Bloque aposta por encarar un contexto "inédito en democracia" como é a celebración de dous procesos electorais con tres comicios diferentes --xenerais, municipais e europeas-- en pouco máis dun mes a través dunha "única campaña" a nivel "estético e visual" pero que presentará diferentes lemas para cada proceso.

Deste xeito, a formación frontista reivindica que o voto ao BNG ten "valor dobre", pois "é o único que garante" levar "a voz de Galicia en Madrid sen submisión a forzas estatais" e, ademais, a aposta por "políticas de progreso" que permitan "derrogar medidas como a Lomce ou a reforma laboral que o PSOE e Podemos non se atreveron a facer".

'AGORA', CHISCADELA ÁS EUROPEAS

O slogan para as eleccións nas que o Bloque aspira a volver ter representación en Madrid é 'Agora Galiza', que supón unha "referencia" á candidatura 'Agora Repúblicas', baixo a que o BNG concorrerá ás europeas en coalición con EH Bildu e ERC.

A formación frontista perfila unha campaña "con ton claramente positivo, alegre, audaz e atrevida" para aproveitarse dun momento no que perciben un BNG "en plena remontada e á alza". "Existe a sensación de que o BNG suma, avanza e aglutina cada vez máis xente", apuntou Campos.

Por iso, deseñou unha campaña que quere pór o foco en que Galicia permaneceu "desaparecida" do debate e "sen voz" en Madrid ao longo dos últimos anos.

Unha estratexia que pasa por "galleguizar a campaña electoral", xa que cren que "moita xente está farta do ruído político español", con "tertulianos" que centran as súas discusións en problemas do ámbito estatal e non sobre os que afectan a Galicia.

28A.- 'Agora Galiza', Lema Do BNG Para As Xerais Nunha Campaña Que Enfoca
28A.- 'Agora Galiza', Lema Do BNG Para As Xerais Nunha Campaña Que Enfoca | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Multinick

Botan anos chamándolle "españois" ao 95% de galegas e galegos que non lles votan, e agora pídenlles o voto. Iso si, empregando o mesmo discurso ultranacionalista, iluminado e identitario de BNG=Galiza e Galiza=BNG. Que vaian rañala por aí cos seus amigos de La Vox de Galicia!

1 Sentidiño

Espero que AgoraGaliza sexa unicamente o lema da precampaña, non o definitivo. Ten a mesma vacuidade de moitos dos anteriores, é simple e esencialista, nin expansivo nin proactivo: Que non nos gobernen, temos voz propia, a xente soberana, o pobo que ordea, que non nos calen, a Galiza irredenta, donas de nós, berra futuro, un país para o futuro,... Ahora Galiza semella unha tertulia da Radio Galega.