Xuízo contra o primeiro detido pola vaga de incendios de outubro de 2017

A fiscal acúsao dun delito de incendio forestal, polo que pide para el cinco anos e seis meses de prisión coa accesoria de inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/03/2019 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense xulga o vindeiro xoves día 28, ás 9,30 horas, ao que foi o primeiro detido pola vaga de incendios forestais de outubro de 2017, que se saldou con menos dunha decena de identificados e boa parte das causas arquivadas.

Trátase do veciño de Vigo de 55 anos que xa pasou máis de 40 días no cárcere de Pereiro de Aguiar tras ser arrestado en Vigo ás 8,30 horas do 18 de outubro por un lume dunha hectárea nunha leira familiar dos Blancos (Ourense). No día da súa comparecencia dixo aos xornalistas que estaba na leira asando uns chourizos.

A fiscal acusa a M.A.M.N. dun delito de incendio forestal, polo que pide para el cinco anos e seis meses de prisión coa accesoria de inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena e multa de 24 meses a razón de seis euros diarios.

Así mesmo, Fiscalía establece que o acusado indemnizará con case un milleiro de euros ao servizo de extinción de incendios da Xunta, en concepto de responsabilidade civil. No seu relato, sinala que o acusado, sobre as 13,40 horas do día 15 de outubro de 2017, "cun instrumento adecuado para iso, que portaba previamente, prendeu lume nunha leira propiedade da súa muller, no termo municipal dos Blancos".

ALTAS TEMPERATURAS, VENTO E POUCA HUMIDADE

"O acusado prendeu o lume, a pesar de existir condicións climatolóxicas favorables á propagación debido ás altas temperaturas reinantes, tales como 27,65ºC de temperatura, 26,39 Km/h a velocidade do vento, con refachos de 18,22 Kms/h e cunha humidade relativa de 28 e sendo o índice de risco diario de incendio extremo", destaca.

Subliña que "existiu un grave perigo para a vida das persoas, dada a proximidade do incendio aos núcleos de poboación, estando as vivendas a uns 300 metros do lugar de inicio e unha granxa de pitos con actividade a unha distancia de 250 metros". Como consecuencia das favorables condicións meteorolóxicas, o incendio propagouse e afectou a unha superficie de 1,20 hectáreas, das cales 1 hectárea é de arboledo e 0,20 hectáreas de monte raso, expón.

Os gastos de extinción e os danos ocasionados polo mesmo ascenderon a 947,46 euros e o lume acabou afectando a catro leiras, a da súa muller e outro tres, que renunciaron ao exercicio das accións civís e penais que lles corresponden. Por estes feitos o acusado ingresou en prisión provisional comunicada e sen fianza e foi excarcerado en novembro de 2017.

Incendios
Incendios | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta