A Xunta marcou servizos mínimos para unha falsa convocatoria de folga de funcionarios

O sindicato que presuntamente convocou a folga, Solidariedade e Unidade dos Traballadore, SUT, non ten implantación en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2019 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia decretou servizos mínimos para unha folga supostamente convocada para o 21 de marzo na administración pública polo sindicato Solidariedade e Unidade dos Traballadores (SUT), que negou na súa páxina web promover o paro.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado mércores publicou unha orde do 18 de marzo na que se fixaban os servizos mínimos en todo o corpo da administración pública para a convocatoria de folga atribuída ao sindicato SUT, sen implantación en Galicia.

"A organización sindical Solidariedade e Unidade dos Traballadores (SUT) comunicou unha convocatoria de folga para todos/as os/as traballadores/as temporais das distintas administracións públicas de todo o Estado, así como o funcionariado de carreira que queira sumarse, que se desenvolverá desde as 00.00 horas de 21 de marzo ata as 24.00 do mesmo día", reza a orde publicada o día 20 no DOG.

Ese mesmo mércores, o SUT publicou unha mensaxe na súa páxina web na que desmente ser o convocante do paro e asegura que alguén empregou "o nome do sindicato" para chamar á folga. "Non coñecemos a convocatoria realizada nin os termos da mesma nin quen utilizou o nome do sindicato para realizala, por tanto, non podemos asumir ningunha responsabilidade sobre unha convocatoria que non realizamos", asegura o sindicato SUT, que avanza no seu comunicado que realizarán as "investigacións pertinentes sobre quen usurpa o nome do sindicato".

"CANLES OFICIAIS"

Fontes da Dirección Xeral de Función Pública aseguran que a convocatoria da folga chegou polas "canles oficiais" e que, por tanto, a actuación do Goberno galego foi a "habitual", limitándose a fixar os servizos mínimos para todo o corpo de funcionarios.

Así, o departamento dependente da Consellería de Facenda sostén que a confusión na orixe da convocatoria do paro é "alleo" á administración e corresponde unicamente ao sindicato aclarar a situación xerada.

EN MAREA PIDE EXPLICACIÓNS

Este venres, En Marea rexistrou unha iniciativa no Parlamento na que insta o Goberno galego a ofrecer explicacións "pola chapuza" de dar " por válida unha falsa convocatoria de folga na administración".

"Este nivel de chapuza, de improvisación e de falta de comprobación da oficialidade dunha folga non é admisible", asegurou a deputada do partido instrumental Eva Solla, que cualifica de "moi grave e difícil de comprender que non se comprobe a veracidade dunha convocatoria de folga que non existe e publíquense uns servizos mínimos que se fan asinar ao persoal".

Edificios centrais da Xunta en San Caetano
Edificios centrais da Xunta en San Caetano | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta