Lidia Senra critica o poder das farmacéuticas e pide medicamentos de "control público"

Evita polemizar con Anova, que a impulsou en 2014, e cre que un pacto de coalición debe "garantir" presenza e "independencia" para En Marea Reclama un debate "profundo" sobre o modelo de infraestruturas e sobre a agricultura e censura o uso dos fondos de "economía circular"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2019 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

A eurodeputada galega Lídia Senra e cabeza de lista de En Marea ás eleccións europeas do próximo mes de maio salda a polémica na que se viu inmersa tras unha iniciativa sobre as vacinas nas que preguntaba sobre a obrigatoriedade do seu uso e a información existente sobre elas: "A cuestión non é vacinas si ou vacinas non, senón ter acceso a unha sanidade pública e de calidade".

Senra evita entrar a valorar a 'etiqueta antivacunas' que se lle colgou tras esa pregunta parlamentaria e rexeita que a súa postura "a nivel individual poida ter interese". Así, nunha entrevista concedida a Europa Press, insistiu en que se trata de que "todo o mundo teña acceso á sanidade pública a todos os niveis --farmacia, medicamentos--".

É dicir, cuestiona que a investigación estea "en mans privadas", porque "vai primar sobre todo os intereses e que dea beneficios", e aposta por que "a elaboración de produtos medicamentos, de todos os medicamentos, sexa tamén de control público".

Preguntada pola medida que adoptou a Xunta de incluír como requisito de acceso ás gardarías sostidas con fondos autonómicos que os menores teñan ao día o calendario de vacinación subvencionado, xulgou que "a actitude" do Goberno galego "debería ser máis de convencer que de obrigar". E sobre se cre que esta medida será tombada en instancias xudiciais, a eurodeputada advertiu que o Goberno verá "onde pode acabar ou non" e reafirmouse en que ela é "máis partidaria de convencer".

SOLDOS E REVALIDAR O ESCANO

Agricultora de profesión e exdirigente do Sindicato Labrego Galego (SLG), Senra, que afirma que salvo excepcións procura viaxar "como antes" (en referencia a clase turista e non en primeira como paga a UE) reivindica a actuación que levou a cabo no últimos cinco anos e rexeita falar en termos de 'privilexios' dos eurodeputados. En todo caso, aposta por abrir un debate sobre o soldo dos políticos e dos funcionarios públicos.

"Eu estou de disposta, pero de todos: desde o que cobra un xuíz, un decano de universidade, un catedrático, un profesor, un médico ou o que cobra calquera persoa do erario público", manifestou, antes de indicar que "calquera traballador ten que ter garantido un soldo que lle permita vivir con dignidade" e, "máis aló", calquera persoa "polo mero feito de estar neste mundo, ten que ter garantidos uns mínimos que lle permitan vivir con dignidade".

Coa vista posta no futuro, Lídia Senra, que volvería á súa actividade anterior no caso de non conseguir representación na Eurocámara, augura que se conseguirá revalidar o escano. "Eu son optimista, creo que o traballo está feito e que En Marea segue facendo o traballo que viña facendo, segue fiel aos principios de cando se fundou e penso que non debería penalizarse", manifestou ao ser preguntada pola división do espazo rupturista co que concorre, co apoio recibido por Luís Villares.

En 2014, foi Anova o partido que propuxo o seu nome, formación que hoxe en día está por ver cal é a súa postura nas eleccións europeas e cuxa dirección se distanciou da de En Marea.

"Cada un terá que explicar como actúa e por que se abandona nun momento determinado un espazo común", expresou sobre a división do espazo de confluencia e, preguntada por se sente abandonada polo partido cofundado por Xosé Manuel Beiras, respondeu: "Forma parte do pasado. A min gustaríame que apoiasen, pero é a súa decisión e terán que dicir por que chegaron aí".

Respecto diso das negociacións con outras forzas do Estado para crear unha plataforma para as europeas, Senra considerou que un bo acordo pasaría por "ter presenza (ao longo da lexislatura), independencia e capacidade de decidir o grupo ao que se adscribe e ser delegación propia de En Marea".

POLÍTICA DE PRESOS, ANGROIS E INFRAESTRUTURAS

Esta lexislatura, o Europarlamento condenou a política de dispersión de presos española. "É unha cuestión de respecto polos dereitos humanos, a dispersión penal é un castigo para as familias e amizades das persoas e ningún estado debería aplicar este tipo de políticas", manifestou.

Na entrevista con Europa Press tamén censurou que a Comisión Europea negue ás vítimas do accidente ocorrido en xullo de 2013 na curva da Grandeira, en Angrois, o acceso ao expediente de infracción aberto a España por incumprimentos en materia de seguridade ferroviario. "Paréceme que non é admisible que se negue información ás vítimas sobre un expediente que lles afecta", advertiu, tras o que denunciou que esta "situación" se dá "con bastante frecuencia" noutros ámbitos.

Para Senra un "debate que hai que dar" na Unión Europea e que espera que "marque os próximos anos e orzamentos" é o do "modelo de infraestruturas". "Fai falta un debate profundo sobre que tipo de infraestruturas necesitamos e facer un desenvolvemento sustentable", respondeu respecto diso das conexións ferroviarias de mercadorías e o corredor básico atlántico que deixa O Porto-Vigo só na rede global. A modo de exemplo, rexeitou a construción da autovía na Ribeira Sacra: "é unha autovía que a sociedade galega non quere".

"CAPITALISMO CIRCULAR", BREXIT E PAC

A eurodeputada galega cuestiona como se está aplicando o concepto de economía circular e censura que se poidan usar fondos europeos para "comprar canteiras abandonadas" en Galicia, que "sirvan para esconder residuos" baixo ese amparo. "É un pouco sorprendente que, de súpeto, estean a comprarse", observou.

"O principio da economía circular en si non o cuestionamos, estamos a falar de pechar ciclos. Outra cousa é que a economía circular consista en que poida interesar (a empresas privadas) que haxa moitos residuos para ter moitos beneficios. Non se se lle temos que chamar economía circular ou capitalismo circular", analizou.

Sobre se a prórroga do Brexit pode beneficiar a Galicia para conseguir un mellor acordo pesqueiro, considerou que normalmente nestas negociacións téñense en conta "ás grandes empresas e non á clase traballadora". "A prórroga o que significa é que a situación vai seguir como está ata que haxa un novo acordo, por tanto é difícil valorar cal vai ser o futuro se non sabemos o que se está negociando", expuxo.

Sobre a nova Política Agraria Común (PAC) dúbida do compromiso da Xunta (acerca da alianza con comunidades do norte en defensa de pequenas explotacións e polo relevo xeracional). "E desde logo, creo que temos que seguir insistindo e sería moi importante que a nivel social houbese un debate amplo sobre o que a agricultura significa para a cidadanía, porque cando falamos de agricultura falamos de alimentación, de medio ambiente, de emprego directo e indirecto", apuntou.

Lídia Senra tamén traballa en contra dos plans paneuropeos de pensións, que considera que "vai seguir consolidando desigualdades" e "non ten garantías", e esixe á Comisión Europea e aos estados que "reforcen os sistemas de pensións públicas e aseguren unha pensión digna para que todas as persoas ao final da súa vida laboral (ou os demais supostos)".

Lídia Senra
Lídia Senra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Cicais é hora de poñer en práctica a Economía Circular...! https://twitter.com/aKollontai/stat... Kollontai será unha boa arquitecta para este país... Falta saber se Lidia Senra sera quén de darmos de comer cousa sana e boa a prezos competitivos...? Volvamos á Terra, porque a Terra somos Nós !!! https://i.gal/gamela06