As Cidades Patrimonio difiren sobre os apartamentos turísticos

"É un problema que non afecta a todas por igual", di o seu presidente. Así Cuenca aposta por promocinalos e Eivissa defende a sua prohibición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2019 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, o alcalde de Cuenca, Anxo Mariscal, mostrou as discrepancias que teñen as 15 urbes que forman parte do organismo sobre o tema dos apartamentos turísticos e sinalou que "non é un problema que afecte igual en todos os concellos".

Así o asegurou Mariscal na rolda de prensa posterior á Asemblea Xeral do Grupo das Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que se celebrou este sábado en Santiago, onde analizaron dita problemática os rexedores das 15 urbes que forman parte deste grupo: Ávila, Santiago de Compostela, Segovia, Cáceres, Toledo, Mérida, Córdoba, Salamanca, Cuenca, Alcalá de Henares (Madrid), Eivissa, San Cristóbal de la Laguna (Tenerife), Tarragona, Baeza (Jaen) e Úbeda (Jaen).

Neste sentido, destacou que, por exemplo, Eivissa e Tarragona si teñen unha "presión importante" deste tipo de aloxamentos. Con todo, outras cidades, como a que el mesmo dirixe, Cuenca, "non ten ese problema". Aínda así, subliñou que cando os apartamentos se concentran en determinadas zonas, "xeran molestias aos veciños, que mesmo teñen que marchar de alí".

"No caso de Cuenca a min non me importaría que algún dos pisos que están baleiros, sempre que se regule ben, xa que non temos o problema que teñen outras grandes cidades, pois se ocupen por turistas", engadiu.

Ademais, indicou que, a diferenza doutras urbes como Eivissa, en Cuenca "non se queren prohibir" estes apartamentos, xa que "se se fan ben, poden axudar a crear postos de traballo e a que se ocupen as vivendas". "Se as vivendas non se ocupan iso crea un problema maior", sentenciou o rexedor conquense.

EIVISSA

Pola súa banda, o alcalde de Eivissa, Rafel Ruiz, explicou que este tipo de establecementos foron prohibidos na súa cidade "para garantir a tranquilidade dos veciños". Así mesmo, destacou que este problema non só afecta a España nin ás Cidades Patrimonio, "senón tamén ao resto de urbes turísticas do mundo" e sinalou que é "unha nova forma de moverse en turismo" que se está desenvolvendo.

"En Eivissa, como somos unha cidade pequena, densamente poboada, atallámolo de raíz e prohibiuse", lembrou Ruiz, quen engadiu que "a gran afluencia de turistas na illa" fai que sexa un caso "diferente" a outras cidades.

As Cidades Patrimonio difiren sobre os apartamentos turísticos: 'É un probl
As Cidades Patrimonio difiren sobre os apartamentos turísticos: 'É un probl | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta