Temas: ALCOA

Maroto destaca o "compromiso realista" do Goberno con Alcoa e culpa ao PP de non dar unha "solución definitiva" en 2014

Nese ano, o fabricante de aluminio tamén amagou con pechar as súas instalacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2019 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia



A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, enxalzou este domingo o "compromiso realista" que o Goberno de España ten co mantemento das capacidades produtivas e os postos de traballo de Alcoa e reprochou ao PP que non dese unha "solución definitiva" ao problema en 2014, cando aínda gobernaba Mariano Rajoy e o fabricante de aluminio tamén amagou con pechar as súas instalacións.

Tal como declarou Maroto nun artigo de opinión publicado por La Voz de Galicia que recolle Europa Press, esta situación "precede" ao Goberno actual, polo que a falta dunha solución en 2014 "contribuíu a fermentar unha situación que estalou o pasado outono coa decisión da empresa de pechar as súas planas da Coruña e Avilés".

Neste sentido, subliña que o Executivo actuou " con firmeza" para evitar despedimentos e buscou solucións. Con todo, Maroto tachou de "ficción" a situación de "confusión que algúns se empeñan en escenificar, retransmitindo o día a día da negociación para obter rédito en termos políticos ou de imaxe".

Así, reprochou á oposición que "xogue á contra para eludir responsabilidade" e que "formule críticas oportunistas e falsas expectativas" que, ao seu xuízo, "só avivan a incerteza e enturban os procesos de diálogo".

"Quen decidiu abandonar é Alcoa, e sempre entendemos que quen xerou o problema ha de participar na solución; así llo fixemos saber reiteradamente. Pola súa banda, os traballadores cumpriron responsablemente, parando o corazón das fábricas e esperando que as administracións e a empresa estean á altura", indicou a ministra Maroto.

150.000 EMPREGOS

Ademais, explicou que a pesar de que o Goberno "puxese sobre a mesa todos os instrumentos ao seu alcance", o final da lexislatura e o feito de non contar cuns novos Orzamentos Xerais do Estado "limitaron a acción".

"En nove meses colocamos a industria ao nivel de política de Estado, pero non parecen entendelo as formacións políticas que antepuxeron os seus intereses particulares ao interese xeral, xerando ruído para dificultar o camiño", criticou a titular de Industria.

Así mesmo, enxalzou a proposta de Estatuto para o Consumidor Electrointensivo que se atopa en fase de presentación de alegacións "que perfilarán un texto que servirá de marco duradeiro para as 253 empresas electrointensivas existentes en España e contribuirá ao mantemento de máis de 150.000 empregos directos e indirectos".

Maroto concluíu que resolver o "caso Alcoa" é responsabilidade de todos, e mostrou o seu optimismo sobre o desenlace do problema.

Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao. AXM
Complexo industrial de Alcoa en San Cibrao. AXM

Temas: ALCOA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta