En Común-Unidas Podemos preséntase "feminista, ecoloxista e pacifista" e cualifica de "pasado" a En Marea

A coalición presentou de maneira oficial a súa candidatura ás eleccións xerais do 28 de abril.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2019 | Actualizada ás 19:13

Comparte esta noticia

A coalición En Común-Unidas Podemos presentou de maneira oficial a súa candidatura ás eleccións xerais do 28 de abril con tres eixos fundamentais no seu programa: "Feminismo, ecoloxismo e pacifismo". Despois de desvincularse de En Marea, que concorrerá en solitario aos comicios, En Común-Unidas Podemos adiantou que "de aquí en diante" non vai pronunciar "unha palabra do pasado" nin dos problemas internos desta organización.

AV.-28A.-En Común-Unidas Podemos preséntase 'feminista, ecoloxista e pacifista'
AV.-28A.-En Común-Unidas Podemos preséntase 'feminista, ecoloxista e pacifista' | Fonte: Europa Press

O local do Instituto Campus Stellae en Santiago foi o lugar escollido para a presentación na que foron anunciados os cabezas de lista da coalición: o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, pola Coruña; a ex-coordinadora nacional de Esquerda Unida Yolanda Díaz, por Pontevedra; a exconcelleira no Concello de Ourense Ledicia Piñeiro, por esta provincia; e a membro de EU Vanessa Somoza, por Lugo.

Neste contexto, os candidatos, e en especial Díaz e Gómez-Reino reivindicaron o seu traballo na Cámara baixa durante a anterior lexislatura e baixo a marca de En Marea. No entanto, ao ser preguntados sobre se cren que a súa escisión lles pasará factura, a número un por Pontevedra anunciou que "En Común non vai pronunciar unha palabra do pasado".

Ademais, Yolanda Díaz insistiu en que "dá igual o nome" co que se presenten porque a cidadanía, asegurou, "sabe perfectamente" quen son e "a quen votar", e "non á parva". En calquera caso, e en referencia velada á candidatura dos de Villares, desexou "moita sorte a todos e todas".

"A xente é moitísimo máis lista que todos nós. (...) Non sigamos tratando á cidadanía coma se fose parva", manifestou Yolanda Díaz. 

Así mesmo, tamén existen dúbidas sobre como se trasladará esta situación ao Lexislativo galego, onde tanto Podemos como EU aínda se manteñen baixo o paraugas de En Marea. Respecto diso, Gómez-Reino suxeriu que "o que ocorra (no Parlamento autonómico) ten que ver con decisións lexítimas dos compañeiros que forman parte dese grupo".

"UNHA MOCHILA QUE FALA DE GALICIA"

Os candidatos, e en especial Díaz e Gómez-Reino pola súa condición de ex-deputados, reivindicaron o traballo da coalición na Cámara Baixa durante a anterior lexislatura. Concretamente, a ex-coordinadora nacional de Esquerda Unida valorou que levan "unha mochila que fala de Galicia" e teñen as mans "cheas de experiencia".

Segundo as súas palabras, na próxima lexislatura enfrontaranse "unha España negra fronte a unha España do século XXI", nun contexto no que En Común-Unidas Podemos "vai combater contra os poderes económicos" e "gobernar para a xente de abaixo".

Gómez-Reino, pola súa banda, erixiu á coalición presentada este luns nunha candidatura "fundamental para que ninguén quede en casa o día 28 de abril". "Aspiramos a ir a Madrid a gobernar", apostilou.

Por Ourense, a ex-concelleira de Ourense en Común Ledicia Piñeiro valorou o tempo actual "de excepcionalidade política, económica e social" tras "a deriva" de sucesivos gobernos tanto de PP como PSOE, que deixan Galicia "nun terreo de páramo" en canto a conexións ferroviarias e ao "despoboamento" do rural.

A número un por Lugo, a pintora Vanessa Somoza, definiuse como unha "traballadora" que "cobra o salario mínimo interprofesional" que os seus compañeiros "conseguiron" que se subise a 900 euros. A continuación, reivindicou o voto útil como aquel que vai dirixido a "partidos que realmente defenden os dereitos da clase traballadora", algo que, ao seu modo de ver, o PSOE non veu demostrando durante "moitos anos, quizá demasiados".

"NON HAI MAIOR TORPEZA QUE FORMAR PARTE DO GRUPO MIXTO"

Ao ser preguntados sobre se teñen a intención de formar grupo propio --tras as eleccións de xuño de 2016, a En Marea non se lle permitiu e formou parte do Grupo Confederal Unidos Podemos--, Díaz afirmou que a coalición galega xa "é un grupo propio".

Deste xeito, descartan acudir ao Grupo Mixto como fixo entón Compromís, xa que, segundo a cabeza de cartel por Pontevedra, "non hai maior torpeza que formar parte do Grupo Mixto" porque estarían con outras forzas como Vox.

Así as cousas, e en alusión a diferentes sondaxes electorais publicadas nos últimos días, En Común-Unidas Podemos advirte de que o seu resultado será "impredicible" porque "hai un nivel de indecisión importante" e "todo se vai decidir no último momento".

Por iso, Yolanda Díaz quixo facer unha "apelación directa" a que a cidadanía de "calquera lugar de Galicia", especialmente "mulleres e homes", se mobilicen o próximo 28 de abril.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 17 comentarios

12 Pesdelam

E tanto que precisamos ao Bng! Está claro q é a única forza que loita por Galiza.

11 Farto de burla

O rupturismo de charanga e pandereta de Yolanda en comun. Precisamos ao BNG como o cego ver

1 Farto de trols

Precisamos ao BNG vendido á banca española? Precisamos ao BNG monicreque de La Vox de Galicia? Precisamos ao BNG que se opón á suba do SMI e das pensións? Precisamos ao BNG das liberacións hereditarias? Non o precisamos para nada. Fala por ti.

2 Serafín

Non precisamos para nada ao BNG vendido, e menos aínda a unha cuneira entregada como Yolanda Díaz por Pontevedra. Atrévete a falar claro ou es parte do problema: cobras do partido por facer comentarios? A UPG e o PCE, coas súas marcas comerciais (BNG, Izquierda Unida, Podemos) teñen unha prioridade: manter a élite dirixente. Está demostrado que son uns chupóns (cargos públicos vitalicios, hereditarios, familiares e parellas, liberados, postos na banca, tarjetas black, coches oficiais, chalets de marques, mariscadas e paoatorias...). Fala claro ou escóndeste detrás do partido de turno para alternar no chupe?

10 Realpolitik

Desexovos unha tremanda afuciñada como pago a non facer nada polo noso país e emporcallar á política galega por moitos anos. Volvo ao BNG do que marchei enganado por vendidos coma vós.

1 Aburrides

Todo un clásico o trol do BNG que se fai pasar por "decepcionado que volta ao BNG". Levan así desde AGE.

9 Desfeita

Canta autosatisfacción! E Galiza que é o que saca deste onanismo político?

8 Coruñés Nanet

Boto en falta a Mario López Rico nesa candidatura